A gastronomía galega volve situarse no máis alto do panorama nacional trala concesión do terceiro Sol a A Tafona, en Santiago de Compostela. En total, Galicia suma xa 49 restaurantes distinguidos na edición 2026, consolidando o seu peso dentro do mapa gastronómico español.
Á fronte do restaurante compostelán, a xefa de cociña Lucía Freitas lidera un proxecto profundamente conectado co territorio, co produto local e ca rede de pequenas produtoras galegas. A obtención do terceiro Sol non só recoñece a excelencia culinaria, senón tamén un modelo baseado en identidade, sostibilidade e coherencia coa contorna.
A edición 2026 trae ademais boas noticias para o conxunto da comunidade. Sete restaurantes galegos incorpóranse cun Sol, ampliando a presenza de propostas repartidas polas catro provincias e reforzando o dinamismo do sector en distintos territorios.
No conxunto de España e Andorra, a guía outorgou 83 novos Soles, reflexo dun momento de transformación na alta cociña. O crecemento do número de establecementos recoñecidos en Galicia confirma a evolución do sector gastronómico como un dos piares estratéxicos do turismo na comunidade. A combinación de tradición, innovación e compromiso co territorio continúa posicionando a Galicia como un destino gastronómico de referencia.