O Camiño do Litoral conectará toda a costa galega nunha gran ruta sostible

O Camiño do Litoral conectará toda a costa galega nunha gran ruta sostible

  • O novo itinerario suma 1.300 quilómetros e 52 etapas

 

Galicia contará cunha nova proposta turística de gran percorrido: o Camiño do Litoral, unha ruta continua de 1.300 quilómetros divididos en 52 etapas que permitirá percorrer toda a costa galega a pé ou en bicicleta, poñendo en valor o patrimonio natural, cultural e paisaxístico do litoral.

 

A iniciativa, presentada en FITUR, está impulsada pola Xunta de Galicia e nace co obxectivo de vertebrar o territorio costeiro a través dun modelo de turismo sostible, accesible e respectuoso coa contorna. O proxecto contempla un investimento próximo aos 2 M€, destinado á mellora do trazado e á implantación dunha sinalización homoxénea que identifique o percorrido.

 

  • O proxecto aposta por un modelo de turismo sostible que conecta patrimonio, paisaxe e economía local

 

O Camiño do Litoral atravesará algúns dos espazos máis emblemáticos da costa, desde A Mariña lucense e as Rías Altas ata as Rías Baixas e o sur de Galicia, pasando por enclaves como o Golfo Ártabro, Bergantiños ou a Costa da Morte. Ademais de conectar paisaxes de gran valor, a ruta facilitará o acceso a recursos turísticos, servizos e produtos locais, contribuíndo ao desenvolvemento económico dos municipios costeiros.

 

Como complemento, no verán de 2026 está previsto o lanzamento da APP Conecta Litoral, unha ferramenta dixital que reunirá información detallada sobre cada etapa, o patrimonio cultural e natural da contorna e a oferta turística dispoñible ao longo do percorrido.

 

O proxecto enmárcase na estratexia de ordenación e xestión integrada do litoral e preséntase como unha antesala do Xacobeo 2027, reforzando o posicionamento de Galicia como un destino que combina natureza, cultura e sostibilidade nunha experiencia turística única.