Galicia presentou en FITUR as principais liñas da súa proposta turística para 2026. A programación do stand galego arrincou coa presentación da eclipse solar total de agosto de 2026, un fenómeno que poderá observarse desde unha ampla franxa do territorio galego e que se perfila como unha oportunidade singular para atraer visitantes e desestacionalizar a demanda turística.
O Camiño de Santiago volveu ocupar un lugar central, con especial atención ao Camiño Portugués da Costa, que se consolida como unha das rutas con maior crecemento e proxección internacional, así como a outras rutas xacobeas que reforzan a diversidade e o equilibrio territorial do destino. A aposta por un Camiño accesible, inclusivo e en continua mellora foi un das mensaxes destacadas da feira.
A enogastronomía e o patrimonio completaron a proposta, coa presentación de itinerarios enogastronómicos, guías especializadas e conmemoracións culturais que reforzan a identidade galega e a súa capacidade para atraer a un turismo interesado en experiencias auténticas vinculadas ao territorio, a cultura e o produto local.
No marco da feira, o Clúster Turismo de Galicia participou tamén na programación profesional coa presentación ‘Arquitectos do lecer: profesionais dun turismo responsable’, unha iniciativa que puxo o foco no papel dos profesionais do sector como axentes clave na construción dun modelo turístico sostible e innovador.
Baixo o lema Galicia Calidade, o stand de Galicia acolleu durante a semana pasada unha intensa axenda de encontros e presentacións dirixidas ao ámbito profesional, que se completou durante a fin de semana con actividades abertas ao público xeral vinculadas á cultura, a artesanía e as tradicións de Galicia.
O espazo de Galicia foi recoñecido como Mellor Stand de Comunidades Autónomas e Mellor Stand Sostible grazas a un deseño aliñado coa Estratexia de Turismo de Galicia 2030 e a unha aposta clara por materiais innovadores. Entre os elementos máis destacados, a utilización de paneis fabricados con fibra reciclada procedente de máis de 53.500 botellas de plástico PET, xunto con estruturas interiores de madeira de proximidade xestionada de forma responsable. Unha proposta coherente que trasladou a sostibilidade do discurso ao propio espazo expositivo.