A Ruta do Viño de Valdeorras presentou a súa nova identidade visual nun acto que reuniu a representantes institucionais, axentes do sector enoturístico e profesionais da comunicación a finais de novembro. A renovación foi un paso estratéxico para reforzar o posicionamento da comarca como destino vinculado ao viño, ao patrimonio e a un modelo de desenvolvemento sostible.
O novo logotipo incorpora a silueta dunha cova como elemento central, un símbolo estreitamente ligado á historia, á paisaxe e á identidade de Valdeorras.
Durante o acto, a deputada especial para Valdeorras, María del Carmen González, puxo o acento no carácter propio da comarca, destacando o seu vínculo histórico co viño e a lousa como eixos fundamentais da súa identidade económica e cultural. Subliñou tamén o dinamismo do territorio e a súa capacidade para xerar oportunidades, atraer emprego e proxectarse cara ao exterior sen perder as súas raíces. A vicepresidenta da Ruta do Viño de Valdeorras, Montse Rodríguez, explicou que esta renovación enmárcase dentro do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino impulsado polo GDR Valdeorras, a través do proxecto Valdeorras Ruta do Viño Milenaria.
Como parte desta actualización, a Ruta conta cunha nova páxina web que mellora a experiencia do usuario e facilita a planificación de visitas, ademais de ofrecer unha visión máis actual do destino. O proxecto inclúe tamén un plan de formación dirixido a profesionais do sector, con accións centradas en márketing dixital, deseño de experiencias enoturísticas, gastronomía de proximidade e capacitación específica para hostalería, guías e empresas de turismo activo.
O encontro serviu ademais para dar a benvida a creadores de contido especializados, convidados a coñecer adegas, recursos patrimoniais e espazos naturais vinculados á cultura do viño. Estas visitas buscan amplificar a visibilidade do destino e contribuír á súa promoción en canles dixitais.