O sector turístico galego estará presente unha vez máis no World Travel Market London, a feira internacional de turismo que reúne anualmente desde 1980 os actores máis importantes do sector turístico dos cinco continentes. Este ano celebrarase do 4 ao 6 de novembro no recinto feiral ExCeL de Londres, e os organizadores agardan superar os 4.000 expositores que participaron en 2024.
O Clúster de Turismo de Galicia participa cunha delegación de 26 persoas, entre as que se atopan o presidente do Clúster, Cesáreo Pardal; o vicepresidente, Jesús Picallo; o tesoureiro, Alfonso Martínez; o vogal e expresidente do Clúster, Francisco González; representantes da marca turística ´Galicia Destino Sostible´, e por representantes de empresas turísticas: Troulanda, Carrís Hoteles, Hotel Boutique Faro Silleiro, Tee Travel, Viajes Interrías, Casa do Sear, Adegas Eidos, Eat & Walkabout, Autocares Bustelo, Artnatura Galicia, Hotel Pazo Los Escudos, Solo Grupos, Always Spain Incoming e Oca Hoteles.
Durante a feira, Turismo de Galicia contará cun posto de exposición propio, que os representantes da nosa delegación poderán empregar para dar a coñecer as súas propostas á marxe dos contactos ou reunións que cada un deles xestione durante o evento.
WTM London é un evento líder para establecer novas conexións. O ano pasado, a feira internacional acolleu a máis de 40.000 profesionais de 184 países diferentes.