A Xunta anunciou un paquete de medidas específicas para reactivar a imaxe do destino, incentivar a demanda e compensar aos establecementos que sufriron cancelacións.
A vaga de incendios rexistrada este verán en Galicia tivo un forte impacto en varios municipios, e tamén no seu tecido turístico. Para paliar estas consecuencias, poñeranse en marcha catro liñas de actuación cun orzamento total de 3,6 millóns de euros.
A primeira delas será unha campaña de promoción en mercados nacionais cun investimento de 2,6 millóns. O seu obxectivo é reforzar a imaxe de Galicia como destino seguro e atractivo, poñendo en valor os seus recursos naturais, gastronómicos e culturais. Xunto a ela lanzarase unha microcampaña centrada nos concellos máis afectados, co fin de incentivar que os viaxeiros escollan os seus establecementos e experiencias.
Ademais, presentarase un programa de descontos de ata o 85% para fomentar pernoitas e actividades nestas zonas. A iniciativa, desenvolta coa Asociación Galega de Axencias de Viaxes (Agavi), difundirase tamén a través da rede de axencias de viaxes españolas, ampliando o seu alcance a nivel estatal.
En paralelo, habilitarase unha liña de axudas para aloxamentos que sufriron cancelacións en agosto, con achegas de ata 2.500 euros por establecemento en función das perdas acreditadas. As oficinas de atención directa instaladas en distintas localidades ofrecerán asesoramento especializado ás empresas.
Finalmente, o plan complétase con dúas iniciativas xa en marcha: o programa Outono Gastronómico, que combina aloxamento rural e menús tradicionais en 80 casas de turismo rural, e o Bono Turístico #DescubreGaliciaEnOutono, cuxos máis de 16.000 beneficiarios poderán utilizalos entre o 15 de setembro e o 25 de decembro.
O conxunto de medidas busca dinamizar a actividade turística en tempada baixa e apoiar aos territorios máis afectados, favorecendo a súa recuperación económica e reforzando o seu atractivo para os visitantes.