O sendeirismo volve ser protagonista na estratexia turística de Galicia. A Xunta, en colaboración coa Federación Galega de Montañismo (FGM), está a levar a cabo unha revisión integral das 151 rutas de sendeirismo homologadas na comunidade. Esta iniciativa, enmarcada na promoción do turismo de natureza e activo, busca garantir que estas sendas sigan ofrecendo experiencias seguras e de calidade tanto para a poboación local como para quen visita Galicia atraídos pola súa paisaxe e patrimonio natural.
Unha das últimas incorporacións á listaxe oficial é a roteiro ‘Per Caminho de Lampai’, no concello de Teo (A Coruña). Cun percorrido circular de 4,4 quilómetros e unhas vistas privilexiadas que alcanzan desde a catedral de Santiago ata a ría de Arousa, esta senda representa o tipo de experiencia que desde a Xunta quere seguir a potenciar: accesible, integrada na contorna e conectada cos valores do territorio.
O acordo asinado entre Xunta e FGM contempla a supervisión do estado actual tódalas rutas, comezando polas provincias da Coruña e Lugo. Trátase dun labor que servirá para actualizar o catálogo ‘Sendas para descubrir un país’ e asegurar que os roteiros cumpran cos estándares de calidade e sinalización. En caso contrario, poderán ser deshomologados.
O impulso ao sendeirismo alíñase cos obxectivos recollidos na Estratexia de Turismo de Galicia 2030, que recoñece o valor crecente do turismo de natureza e a súa estreita relación con outros segmentos como o turismo activo e rural. Segundo os últimos datos da Enquisa de Turismo de Residentes, un 4,7 % dos viaxeiros nacionais que chegan a Galicia fano motivados por este tipo de experiencias. Con preto de 2.000 quilómetros sinalizados, Galicia posiciónase coma un destino cada vez máis atractivo para quen busca descubrir paisaxes únicas a pé, de forma sostible e respectuosa co medio ambiente.