A Rapa das Bestas de Sabucedo, declarada Ben de Interese Cultural

  • Convértese nunha das festividades galegas con dobre distinción: Festa de Interese Turístico Internacional desde 2007 e, agora, Ben de Interese Cultural.

 

A Xunta de Galicia aprobou a semana pasada a declaración da Rapa das Bestas de Sabucedo como Ben de Interese Cultural (BIC) na categoría de patrimonio inmaterial. Este recoñecemento supón un paso máis na protección dunha das celebracións máis emblemáticas e ancestrais de Galicia, cuxa orixe remonta, polo menos, ao século XVIII. A declaración outorga a esta manifestación cultural o máximo nivel de protección.

 

A Rapa das Bestas, que se celebra cada ano na parroquia pontevedresa de Sabucedo, no concello da Estrada, convértese así nunha das poucas festividades galegas con dobre distinción: Festa de Interese Turístico Internacional desde 2007 e, agora, Ben de Interese Cultural. A festa desenvolveuse este ano entre o 4 e o 7 de xullo, na que foi a súa primeira edición baixo este novo ‘status’ de protección.

 

A decisión reforza a necesidade de preservar unha tradición que simboliza a relación entre os seres humanos e os cabalos salvaxes, expresada a través de rituais como a misa alborada, a baixada dos cabalos do monte e a rapa.

 

O decreto tamén inclúe medidas para garantir a salvagarda do patrimonio asociado, como a creación de rexistros documentais, a promoción da súa difusión e a súa incorporación a procesos educativos. Ademais do seu valor cultural, a Rapa das Bestas converteuse nun atractivo turístico e mediático de primeiro nivel, atraendo cada ano a miles de visitantes a esta pequena aldea de menos de 100 habitantes.