A Guía Repsol volveu a destacar algúns dos locais con máis encanto da xeografía española a través dos seus xa coñecidos ‘soletes’. Este distintivo, pensado para premiar bares, terrazas e restaurantes con alma, sumou 23 novas incorporacións en Galicia, o que eleva a 328 o número total de establecementos recoñecidos na comunidade.
A diferenza doutras distincións centradas na alta cociña, os ‘soletes’ valoran a proximidade, a autenticidade e o bo facer deses sitios que se gañan ao público polo seu ambiente, o seu trato e a súa cociña honesta.
A Coruña lidera a lista
Nesta nova edición de verán, a provincia da Coruña encabeza a lista galega con oito novos locais recoñecidos pola súa autenticidade e encanto. En Porto do Son, destacan O Castro e Cabeiro Cámping Gastrobar; en Carnota, a homenaxe ao sabor póñena Riba da Cheda e O Moncho Burguer. Tamén se suman á selección Do Pincho, en Carral; Pura Manteca, en Miño; Saburil, en Muxía; Marte, en Santiago de Compostela; e Árnica, na cidade da Coruña. Un mapa de sabores variados que combina mar, monte e tradición reinventada.
Pontevedra non queda atrás
Pontevedra tamén suma sete novos soletes que reforzan o seu atractivo estival. A listaxe intégrana O Pirata, no Grove; Bico Beach, en Sanxenxo; Hama Bar, na capital pontevedresa; Los 3 Monos Aguete, en Marín; Carmela Portomaior e Noite Tapas, en Bueu; e Areoso Beach Club, na Illa de Arousa. Todos eles comparten un enfoque coidado e desenfadado, perfecto para gozar das Rías Baixas.
Lugo e Ourense tamén brillan
O interior galego completa esta edición con propostas que combinan cociña local, tradición e frescura. En Lugo, foron recoñecidos Salitre, en Burela; La Terraza del Méndez, na cidade de Lugo; Confeitería Méndez, no Valadouro; e Taberna de Galiana, en Mondoñedo. Pola súa banda, na provincia de Ourense reciben o seu adhesivo amarelo O Pillabán, na Rúa; Os Faroles, en Barbadás; e Villa Chicana, en Vilamartín de Valdeorras. Un recoñecemento que pon en valor o potencial gastronómico do rural galego.
Con esta nova quenda de recoñecementos, Galicia consolida a súa presenza nesta guía alternativa que celebra o cotián, o auténtico e o que se goza sen présas. Perfectamente aliñados co espírito do verán.