Galicia volverá contar este outono cunha nova edición dos bonos turísticos, unha iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia co obxectivo de fomentar as viaxes dentro da comunidade e dinamizar o sector fóra da tempada alta.
A nova convocatoria, prevista para o mes de xullo, poñerá en circulación máis de 16.000 bonos dirixidos a persoas maiores de idade residentes en Galicia. Cada bono, valorado en 150 euros, será financiado nun 40% pola Administración autonómica, mentres que o 60% restante deberá ser asumido polo solicitante. En total, cada persoa poderá adquirir ata dous bonos, o que lles permitirá gozar de ata 300 euros en estancias ou servizos turísticos entre setembro e decembro.
Os bonos estarán dispoñibles en formato QR a través da web www.bonoturismo.gal, unha vez se publique a convocatoria oficial. A adxudicación realizarase por orde de solicitude ata esgotar existencias, polo que se recomenda estar atento ás datas de apertura.
Tamén en xullo abrirase o prazo de adhesión para os establecementos turísticos galegos, como aloxamentos e axencias de viaxe, que queiran formar parte do programa. Para iso, deberán estar rexistrados no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas de Galicia (REAT).
Desde a súa posta en marcha en 2020, os bonos turísticos contribuíron a mobilizar máis de 16,5 millóns de euros no sector, consolidándose como unha ferramenta efectiva para incentivar o turismo interno e combater a estacionalidade.