O Clúster de Turismo de Galicia reforza a súa colaboración coa Deputación de Ourense para impulsar o desenvolvemento turístico da provincia

O Clúster de Turismo de Galicia reforza a súa colaboración coa Deputación de Ourense para impulsar o desenvolvemento turístico da provincia

O presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo González Pardal, mantivo un encontro institucional co presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, no Pazo Provincial, co obxectivo de seguir avanzando na coordinación e cooperación entre ambas entidades. A reunión enmárcase na liña de traballo conxunto para consolidar o turismo como motor económico da provincia e da comunidade.

Durante a xuntanza, analizouse a situación actual do sector turístico galego e ourensán, destacando o peso crecente do turismo no conxunto da economía galega, cunha achega do 12% ao Produto Interior Bruto (PIB) e máis de 8 millóns de viaxeiros recibidos ao longo de 2024. Uns datos que, tal e como sinalou Cesáreo González, “reafirman o papel do Clúster como ferramenta estratéxica na planificación, promoción e dinamización do turismo galego”.

Como resultado do encontro, ambas institucións acordaron afondar nas vías de colaboración existentes, especialmente no eido da promoción turística, apostando por destacar as singularidades da provincia de Ourense e o potencial da conexión ferroviaria de alta velocidade como elemento diferencial para atraer novos fluxos de visitantes.

O Clúster de Turismo de Galicia representa na actualidade a máis de 7.500 empresas do sector a través de 64 asociacións profesionais repartidas por todo o territorio galego, consolidándose como a entidade de referencia para a cooperación público-privada en materia turística.