Clúster e Hostelería #PorElClima colaboran para reducir a pegada de carbono no sector hostaleiro

Clúster e Hostelería #PorElClima colaboran para reducir a pegada de carbono no sector hostaleiro

  • Os establecementos que se adhiran poderán optar a un bono climático.

 

O Clúster Turismo de Galicia continúa impulsando a sostibilidade no sector hostaleiro coa súa participación no proxecto Hostelería #PorElClima, unha iniciativa que axuda a bares, restaurantes e locais de lecer a reducir a súa pegada de carbono e mellorar a súa eficiencia enerxética. Nas últimas semanas, seis novos establecementos galegos sumáronse a esta acción, reafirmando o compromiso do sector coa loita contra o cambio climático.

 

Unha das principais vantaxes de formar parte de Hostalería #PorElClima é a entrada para participar no sorteo dun bono climático valorado en 1.000 euros, destinado á renovación de equipamento con tecnoloxías máis eficientes que contribúan á redución de emisións de gases de efecto invernadoiro. Este programa innovador, impulsado por ECODES, permite aos establecementos adheridos substituír un electrodoméstico por outro de menor consumo enerxético, cun proceso de selección baseado na análise da pegada de carbono de cada negocio.

 

Para optar ao bono, os establecementos deben levar polo menos un ano en funcionamento e completar o autodiagnóstico en liña de Hostalería #PorElClima, que lles permite acceder ao seu perfil privado na plataforma. Desde aí, poden facer un seguimento do seu grao de cumprimento en diferentes áreas clave, como aforro de auga, eficiencia enerxética e consumo responsable, ademais de calcular a súa pegada de carbono e recibir recomendacións para mellorar.

 

Un enfoque práctico para unha sostibilidade real

 

Hostalería #PorElClima ofrece ferramentas concretas para reducir o impacto ambiental dos establecementos de maneira efectiva. Cada negocio recibe recomendacións personalizadas en función da súa situación actual e ten acceso a información detallada sobre cada acción climática que pode implementar. Ademais, o selo de calculado e compensado que outorga o programa aos establecementos que participan na medición da súa pegada de carbono pode presentarse en convocatorias oficiais como proba do seu compromiso coa sostibilidade.

 

Con esta iniciativa de colaboración, o Clúster Turismo de Galicia reafirma a súa aposta por un turismo máis responsable, proporcionando aos hostaleiros galegos solucións prácticas e un apoio real na transición cara a modelos de negocio máis sostibles.