España avanza cara a un turismo máis diversificado e sostible

  • Turespaña lanza unha análise dos mercados emisores que evidencia a transformación do sector.

 

España pechou 2024 con cifras récord na chegada de turistas internacionais e o gasto xerado, consolidando o seu liderado coma un dos destinos máis demandados a nivel mundial. Segundo a análise das últimas fichas executivas dos mercados emisores publicadas por Turespaña, o país recibiu 93,8 millóns de visitantes, os que realizaron un desembolso superior aos 126.000 millóns de euros. Con todo, máis aló destes datos, o informe destaca unha transformación progresiva do modelo turístico español, con avances na desestacionalización e unha distribución máis equilibrada do turismo no territorio.

 

A análise revela que os meses de tempada baixa e media experimentaron un crecemento superior na chegada de viaxeiros e no gasto realizado, o que indica unha maior estabilidade na actividade turística ao longo do ano. Ao mesmo tempo, as rexións menos saturadas rexistraron incrementos significativos na afluencia de visitantes e no impacto económico, reducindo a dependencia dos destinos tradicionalmente máis concorridos.

 

Un perfil de turista que evoluciona

 

O estudo tamén perfila ao viaxeiro internacional que elixe España. A maioría visita o país por lecer (86,4%) e opta por aloxarse en hoteis (65,7%) ou en alugueiros turísticos (12,4%). Cataluña, Baleares e Canarias seguen sendo os destinos máis demandados, mentres que as actividades máis populares inclúen o turismo urbano (64%), o goce da praia (61%) e as compras (53%). En termos sociodemográficos, predominan os viaxeiros de clase media, con estudos superiores e idades comprendidas entre os 25 e 44 anos.

 

Mercados emisores en crecemento

 

En canto aos mercados emisores, o turismo asiático experimentou unha notable recuperación, con China liderando o crecemento ao alcanzar niveis próximos aos previos á pandemia. No ámbito europeo, mercados como o neerlandés, o francés ou o polaco rexistraron un comportamento positivo, mentres que en América destaca o incremento de visitantes procedentes de Estados Unidos e México.

 

O Reino Unido segue a ser o principal país emisor de turistas cara a España, seguido por Francia e Alemaña. Con todo, en termos de gasto, o mercado alemán ocupa a segunda posición. Doutra banda, destinos como Bélxica e Estados Unidos mostraron un dinamismo destacado en termos de investimento turístico no país.

 

Estes datos reflicten un cambio na estratexia turística de España, apostando por un modelo máis equilibrado, sostible e menos dependente da estacionalidade, clave para a evolución do sector nos próximos anos.