Os Trens Turísticos de Galicia volven con 13 rutas e máis de 2.500 prazas dispoñibles

Os Trens Turísticos de Galicia volven con 13 rutas e máis de 2.500 prazas dispoñibles

  • A nova tempada, presentada en FITUR, recupera os percorridos pola Ribeira Sacra e ofrecerá 33 saídas ata outubro de 2025.

 

Galicia prepárase para recibir unha nova edición dos Trens Turísticos, unha iniciativa impulsada por Renfe, Turismo de Galicia e o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (INORDE) que permite descubrir o patrimonio cultural, natural e gastronómico da comunidade a bordo do ferrocarril. A proposta para 2025 inclúe 13 rutas e 33 saídas entre marzo e outubro, con máis de 2.500 prazas dispoñibles para quen desexe vivir esta experiencia única.

 

Un dos grandes atractivos deste ano é a recuperación dos percorridos pola Ribeira Sacra, cas rutas Ribeira Sacra do Miño, Ribeira Sacra do Sil e Ribeira Sacra-Valdeorras, que volven tras varias tempadas fóra de servizo debido a traballos de mellora na infraestrutura ferroviaria.

 

Unha oferta variada para explorar Galicia en tren

 

A nova campaña ofrece unha variedade de itinerarios que atravesan paisaxes emblemáticas e enclaves de grande interese cultural, como a Ruta dos Faros, a Ruta das Rías Baixas, a Ruta dos Mosteiros ou a Ruta O Ribeiro-Rías Baixas. Ademais do traxecto en tren, cada experiencia inclúe guías oficiais de Turismo de Galicia, traslados complementarios en autobús e visitas aos principais puntos de interese de cada percorrido.

 

Desde o seu lanzamento en 2013, máis de 21.300 viaxeiros gozaron desta iniciativa, que combina o encanto do ferrocarril co compromiso por un turismo sostible e responsable. Con esta nova edición, os Trens Turísticos de Galicia conforman unha alternativa orixinal para coñecer o territorio galego dunha maneira cómoda e diferente.