Galicia aposta polo termalismo como motor estratéxico para o turismo cun plan de 10 millóns de euros ata 2028

Galicia aposta polo termalismo como motor estratéxico para o turismo cun plan de 10 millóns de euros ata 2028

  • O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, presentou o venres, 17 de xaneiro, o novo Plan de Turismo Termal de Galicia 2025-2028.

 

O novo Plan de Turismo Termal anunciado pola Xunta de Galicia traza unha folla de ruta deseñada para consolidar á comunidade como un referente europeo no ámbito do turismo de saúde e benestar. Durante o acto de presentación, no que estivo presente unha delegación do Clúster Turismo de Galicia liderada polo seu presidente, Cesáreo Pardal, o vicepresidente, Jesús Picallo Santos, o tesoureiro, Alfonso Martínez, e o expresidente Francisco González, destacouse o compromiso do sector con este modelo de desenvolvemento sostible.

 

Cun investimento previsto de 10 millóns de euros, o plan busca modernizar, diversificar e reforzar un sector que non só potencia a economía galega, senón que tamén contribúe á desestacionalización do turismo. Segundo os datos achegados, máis do 60 % das visitas a Galicia teñen lugar fóra da tempada alta, o que evidencia o impacto positivo do termalismo como ferramenta para equilibrar a demanda turística ao longo do ano.

 

Galicia é a segunda rexión europea con maiores reservas de augas mineromedicinales e que concentra o 20 % da oferta termal española. “O termalismo non só é unha oportunidade económica, senón tamén un aceno de identidade que reflicte o que significa Galicia Calidade”, destacou o presidente da Xunta.

 

 

Eixos estratéxicos do plan

 

O Plan de Turismo Termal de Galicia 2025-2028 estrutúrase en catro eixos fundamentais que marcarán as liñas de actuación nos próximos anos:

 

  • Coñecemento e innovación:

A creación dun observatorio de investigación, manuais de boas prácticas e programas de formación permitirá dotar ao sector de ferramentas para facelo máis competitivo e sostible.

 

  • Investimento e modernización:

Cun orzamento de 8 millóns de euros, impulsarase a mellora de infraestruturas existentes e fomentarase a creación de novas instalacións, ampliando a oferta termal e adaptándoa ás demandas do mercado.

 

  • Xestión e colaboración:

O plan promove unha coordinación eficiente entre administracións, maximizando o uso de recursos como os fondos europeos Next Generation para financiar iniciativas como os Plans Territoriais de Sostibilidade Turística.

 

  • Promoción e diversificación:

Con proxectos innovadores como o Galicia Spa Pilgrimage, que fusiona a experiencia do Camiño de Santiago coa oferta termal, búscase posicionar a Galicia como un destino único para o turismo de benestar.

 

Con este plan, Galicia reafirma o seu compromiso cun modelo turístico sostible e competitivo que prioriza tanto o desenvolvemento económico como a preservación do seu patrimonio natural e cultural.