Costa da Morte impulsa o astroturismo como actividade sostible e transformadora

Costa da Morte impulsa o astroturismo como actividade sostible e transformadora

  • O VII Encontro Starlight reuniu a máis de cen expertos para debater sobre o astroturismo, o seu impacto no desenvolvemento rural e a preservación do ceo nocturno.

O astroturismo consolidouse como unha actividade chave na Costa da Morte, recentemente recoñecida como Destino Starlight. A semana pasada, máis dun centenar de expertos e cincuenta relatores reuníronse en Cee para participar no VII Encontro Starlight, un evento que pon en valor a importancia do astroturismo na preservación do ceo nocturno e o desenvolvemento sostible das zonas rurais.

 

Neste encontro participaron os territorios clasificados Starlight, monitores, guías e profesionais afíns para intercambiar experiencias, discutir temas asociados ao astroturismo e establecer pautas para o futuro. O vicepresidente do Clúster Turismo de Galicia, Jesús Picallo, tomou parte no evento como asistente.

 

Antonia Varela, presidenta da Fundación Starlight, inaugurou o encontro destacando que esta modalidade de turismo, baseada na observación astronómica, non só está en pleno auxe, senón que tamén ten un forte impacto positivo nas comunidades locais. “O astroturismo é fascinante e transformador, pero a súa sostibilidade a longo prazo depende da colaboración entre organismos públicos, científicos, empresas e residentes”, subliñou Varela.

 

Pola súa banda, Xosé Merelles, director de Turismo de Galicia, resaltou o compromiso da comunidade co astroturismo como parte integral da súa estratexia de turismo sostible. “Galicia é pioneira no desenvolvemento desta modalidade, que non só xera beneficios económicos, senón que tamén promove un profundo respecto pola contorna natural e cultural”, afirmou Merelles, en referencia ao recoñecemento Starlight outorgado a Costa da Morte.

 

A importancia deste selo tamén foi subliñada por Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña, quen fixo fincapé en que o recoñecemento Starlight é só o comezo. Manuel Muíño, presidente da Costa da Morte Asociación Turística (CMAT), convidou os asistentes a valorar a beleza do ceo nocturno e o impacto positivo que a observación das estrelas pode ter na nosa vida cotiá.

 

Este encontro reafirma o compromiso da Costa da Morte coa preservación da contorna e a promoción dun turismo sostible que fomente a conexión entre as persoas e o cosmos.