Os estudos de mercado de Turespaña destacan a sostibilidade como elemento chave á hora de elixir destino

Os estudos de mercado de Turespaña destacan a sostibilidade como elemento chave á hora de elixir destino

  • Turespaña vén de publicar os estudos que analizan ata 42 mercados emisores de turistas a España.

España reafirmou a súa posición como un dos destinos turísticos máis importantes a nivel internacional en 2023, consolidándose non só polo seu atractivo clima, hospitalidade e boa relación calidade-prezo, senón tamén polo seu compromiso coa sostibilidade, un factor cada vez máis determinante para os viaxeiros internacionais. Segundo os últimos Estudos de Mercados Turísticos Emisores, publicados por Turespaña, a sostibilidade converteuse nun elemento chave para a elección de España como destino vacacional, especialmente en mercados como Países Baixos, Reino Unido, Alemaña e os países nórdicos.

 

Os informes, elaborados polas Consellerías de Turismo no Exterior e que abarcan unha análise detallada de 42 mercados emisores de turistas cara a España, destacan como a preocupación polo impacto ambiental, o uso de recursos e a sostibilidade no seu sentido máis amplo están a influír significativamente nas decisións de viaxe dos turistas. Este cambio de paradigma reflicte unha crecente tendencia global cara a un turismo máis consciente e responsable.

 

Ademais da sostibilidade, os estudos tamén subliñan a importancia doutros factores que continúan posicionando a España como un destino líder a nivel mundial. A calidade de vida, o bo clima, a seguridade, e a relación calidade-prezo son aspectos altamente valorados polos turistas internacionais, e foron fundamentais para manter e aumentar a cota de mercado en países chave como Reino Unido, Alemaña, Francia e Italia.

 

En 2023, Reino Unido mantívose como o principal mercado emisor, cun gasto total de 19.905 millóns de euros e un incremento do 16% respecto ao ano anterior. Os turistas británicos representaron o 20,3% do fluxo total de viaxeiros, consolidando a boa imaxe de España como o seu destino vacacional preferido. Alemaña, pola súa banda, reafirmouse coma o segundo mercado emisor máis importante, cun gasto de 12.978 millóns de euros e unha cota do 14% no mercado turístico emisor. Francia tamén desempeñou un papel crucial no turismo cara a España en 2023, cun gasto total de 9.738 millóns de euros e un aumento do 19,35% respecto ao ano anterior.

 

En canto aos mercados de longo percorrido, Estados Unidos destacou polo seu impresionante crecemento, cun récord histórico tanto en chegadas como en gasto turístico. En 2023, 3,8 millóns de turistas estadounidenses visitaron España, xerando un gasto total de 7.764 millóns de euros, un 34,5% máis que en 2019. Este aumento reflicte o gran potencial de crecemento do turismo emisor estadounidense cara a España, anticipando anos de expansión e dinamismo. Pola outra banda, Xapón e China mostraron unha recuperación máis lenta pero constante tras a pandemia, cun enfoque particular no turismo cultural e experiencial. O retorno de voos directos está previsto que impulse significativamente o turismo xaponés nos próximos anos, mentres que a mellora da conectividade aérea con China tamén augura un incremento no número de turistas chineses.

 

Os mercados de longo percorrido mostran un crecente interese en España, con tendencias que apuntan cara a un aumento na demanda de experiencias culturais e gastronómicas, así como un interese particular en produtos sostibles e menos estacionais. Este interese non só axuda a desestacionalizar o turismo, senón que tamén abre novas oportunidades para desenvolver ofertas turísticas que sexan atractivas durante todo o ano. Os estudos elaborados polas Consellerías de Turismo no Exterior poden descargarse a través da páxina web de Turespaña.