Turislab selecciona aos 12 primeiros proxectos da súa terceira edición

  • Seleccionáronse propostas que promoven o turismo como dinamizador rural, iniciativas que propoñen solucións de intelixencia artificial a empresas turísticas, ou empresas que fomentan o turismo sostible e responsable, entre outras.

 

A aceleradora de empresas turísticas, Turislab, liderada pola Xunta de Galicia xunto á Cámara de Comercio de Pontevedra Vigo e Vilagarcía de Arousa e a Comunidade Intermunicipal Alto Minho (CIM AM), xa seleccionou aos 12 proxectos que pasarán á etapa de formación e mentorización.

 

Turislab é unha iniciativa pertencente á INTERREG da Comisión Europea, que financia proxectos de cooperación que fomenten o desenvolvemento e a cohesión rexional a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

 

O comité de selección, do que formaron parte varias asociacións do sector turístico galego, seleccionou 12 startups que están enfocadas, entre outras cuestións, a ofrecer propostas de turismo sostible, achegar solucións de intelixencia artificial a pequenas empresas turísticas, promover iniciativas de dinamización económica no rural, ou fomentar o turismo responsable. As startups comezan agora a fase de formación e mentorización, coa que darán vida aos seus proxectos para facelos realidade. Os seleccionados desta fase foron:

 

  • Barvantia, empresa que organiza experiencias personalizadas para caravanistas.
  • Byroomnumbers, empresa que ofrece servizos de check-in en liña para hoteis, permitindo a personalización de estadías.
  • Ecocabans, unha experiencia de turismo sostible en cabanas ecoeficientes.
  • Exylon, iniciativa que ofrece a pequenas empresas turísticas solucións de intelixencia artificial para análise de mercado e optimización de negocios.
  • Galisacra, empresa que ofrece paquetes wellness personalizados e enfocados no benestar rural e experiencias no Camiño de Santiago.
  • Knowmad, iniciativa que ofrece paquetes de enogastronomía, turismo industrial e termal promovendo experiencias sostibles e a valorización do patrimonio local.
  • Kooltural, empresa que conecta público e potenciais visitantes con organizadores culturais.
  • Mvico, empresa de turismo activo en Galicia mediante rutas personalizadas en bicicleta integrando cultura e gastronomía local para unha experiencia cicloturística única e completa.
  • Popup Coliving, unha asesoría para nómades dixitais no Camiño de Santiago.
  • Ruralife, un proxecto de aldea rural que rehabilita estruturas rurais para aloxamentos turísticos con servizos de coworking e sostibilidade.
  • Troulanda, unha plataforma web que incrementa a visibilidade e negocio de operadores turísticos en Galicia e Norte de Portugal.
  • Yglu, un software innovador con intelixencia artificial e Big Data para turismo que ofrece viaxes personalizadas e fomenta o turismo responsable.