Galicia asumirá en 2024 a coordinación da marca turística do norte peninsular, tamén coñecida como España Verde. A Comunidade galega asumirá o liderado nun acto que terá lugar no transcurso da Feira Internacional de Turismo 2024 (FITUR), en xaneiro.
O anuncio deuse no encontro celebrado o 20 de decembro en Vitoria-Gasteiz, no que participaron as distintas comunidades que forman parte da España Verde: Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi, e que contou coa participación do director da Axencia Turismo de Galicia, Xosé Merelles, ademais dos responsables de Turismo das comunidades restantes.
Durante a cita tamén se fixo balance das diversas accións de promoción levadas a cabo neste 2023, como as distintas viaxes de familiarización nas que o Camiño de Santiago, as cidades, o patrimonio cultural e natural e a enogastronomía centraron o protagonismo. Estas experiencias permitiron que máis de 60 profesionais da industria turística coñeceran en primeira persoa os destinos e produtos turísticos de cada territorio.
España Verde define o territorio localizado no norte de España no que “o verde intenso se funde co azul profundo que se debate entre o Océano Atlántico e o Mar Cantábrico”. Unha zona de gran riqueza paisaxística, gastronómica, patrimonial e cultural.
Entre os proxectos máis inmediatos que aborda esta marca, atópase o Corredor de Ecoturismo da España Verde, financiado cos fondos Next Generation e do que forman parte todas as comunidades. Trátase do maior corredor de ecoturismo de Europa, un proxecto que supón unha oportunidade para que os catro territorios avancen nun modelo turístico sostible desde o punto de vista social e ambiental, con experiencias en espazos naturais e novos servizos.