O incremento das temperaturas provocado pola crise climática, ademais de afectar ao medio ambiente ou á saúde, tamén provoca cambios nos sectores económicos, coma o do turismo. O estudo ‘Impacto rexional do cambio climático na demanda turística europea’ (https://op.europa.eu/en/publication-detail/-/publication/6185be71-faab-11ed-a05c-01aa75ed71a1/language-en) do Joint Research Centre (JRC), centro de investigación asesor da Comisión Europea, revela como poden afectar os fluxos turísticos europeos no incremento das temperaturas.
O informe formula catro escenarios diferentes: dous niveis de quecemento en liña cos obxectivos do Acordo de París (1,5º e 2º), e dous máis extremos (3º e 4º). En tódolos casos Galicia situaríase entre os territorios nos que a demanda turística se vería incrementada a causa do aumento das temperaturas, cun incremento do 0,5% para o primeiro escenario, cun 1,2% para o de 2º, de 2,5% para os 3º, e de ata un 3,2% para os 4º.
Tan só mellorarían os datos da nosa comunidade o Principado de Asturias e Cantabria, que se situaría como a comunidade que maior crecemento experimentaría. Por outra banda, comunidades como Baleares, Comunidade Valenciana, Andalucía, Madrid e Cataluña veríanse afectadas negativamente, vendo reducida a súa demanda turística.
O caso español segue o patrón europeo. As zonas do centro-norte rexistrarían aumentos da demanda turística, mentres que as do sur sufrirían reducións. Por outra banda, o estudo tamén abre a posibilidade de que se varíen os patróns da estacionalidade, contemplando que as rexións costeiras do norte de Europa rexistren un aumento significativo da demanda durante os meses de verán e principios de outono.
O maior incremento da actividade turística en toda Europa proxéctase no mes de abril, cunha subida estimada do 8,89% respecto á situación actual nun escenario de 4º. A maior caída da demanda turística europea agárdase no mes de xullo, chegando a reducirse nun 5,72%.