Coas 31 incorporacións do ano pasado Galicia suma un total de 325 establecementos distinguidos con esta certificación.
Cesáreo Pardal participou no acto de recoñecemento celebrado en Oleiros e presidido por Alfonso Rueda, presidente da Xunta.
O sector turístico galego non cede na súa aposta pola calidade. Xa son 325 os establecementos que poden presumir da certificación Q de Calidade que concede o Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE) tras sumar o ano pasado outras 31 distincións. Galicia confírmase así como a segunda comunidade autónoma con máis certificacións, sendo superada unicamente por Andalucía, tal como destacaron tanto o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; como o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, e o seu homólogo do ICTE, Miguel Mirones, durante o acto de recoñecemento e entrega de diplomas celebrado o venres no municipio coruñés de Oleiros.
A Finca Montesqueiro, o primeiro establecemento orientado á celebración de eventos que consegue este distintivo, acolleu un acto no que tamén tomaron parte outras autoridades como a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; o vicepresidente da Deputación da Coruña e responsable da área de Turismo desa institución, Xosé Regueira, e o vicepresidente da Deputación de Ourense e presidente do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), Rosendo Fernández.
Durante ese encontro concedeuse unha mención especial á Travesía Náutica Xacobea por ser a única empresa distinguida como ruta turística. Tamén tivo recoñecemento o Castelo de Soutomaior incorporándose á categoría de museos. A entrega das novas distincións ratificou ademais o liderado de Galicia dentro das comunidades da España Verde ao situarse como o territorio con máis Q de Calidade en 13 categorías e ao ser, así mesmo, a única comunidade con esta certificación en ámbitos como os albergues turísticos, os espazos públicos singulares, os aloxamentos sostibles e as rutas turísticas.