O 4 % do orzamento de produción de cada longametraxe en España está destinado a viaxes e aloxamento.
Galicia é un lugar de película. Non só figuradamente, senón tamén na práctica. O sector audiovisual está en auxe e esta terra non quere permanecer á marxe dunha dinámica que ademais de xerar unha importante actividade económica no propio sector, pode repercutir no ámbito do turismo tanto de forma inmediata e directa como indirecta e a medio prazo. Así ocorre coas necesidades de desprazamento, aloxamento e restauración que requiren os amplos elencos técnicos e artísticos dos equipos de rodaxe dunha serie ou dunha película, pero tamén co impacto promocional que eses traballos audiovisuais supoñen para os recursos e atractivos dun territorio (patrimoniais, paisaxísticos, gastronómicos, etcétera) repercutindo así nun aumento do número de visitantes.
As catro primeiras rodaxes impulsadas pola Xunta a través do seu Hub Audiovisual da Industria Culturalxeraron un impacto total na economía galega de forma directa e indirecta de 15 millóns de euros, segundo os cálculos da Administración autonómica. E, aínda que resulta difícil cuantificala con precisión, é indubidable que unha parte desa cantidade acabou no sector do aloxamento e a restauración.
Segundo o Informe sobre as Oportunidades dos Contidos Audiovisuais en España elaborado pola consultora PwC e a asociación de produtores PATE, o gasto medio en viaxes e hoteis da rodaxe dunha longametraxe supón un 4 % do total do investimento, o que segundo os datos do 2019, representa por cada película 136.400 euros sobre o custo total medio de 3,41 millóns de euros. Tendo en conta que durante ese ano o número total de producións, rodaxes e estreas de longametraxes en España ascendeu a 265, o impacto sobre o sector das viaxes e o aloxamento podería roldar os 36 millóns de euros. E a esa cifra habería que sumarlle a xerada por outros produtos audiovisuais como series, curtametraxes e, mesmo, contidos como programas de entretemento ou transmisión de eventos deportivos ou musicais.
Para tratar de aumentar a porcentaxe deses investimentos que chega a Galicia puxéronse en marcha a nivel local e provincial entidades dirixidas a facilitar o desenvolvemento destes proxectos. É o caso das oficinas específicas creadas polos concellos de Santiago de Compostela, Vigo, e Pontevedra, pola Deputación de Lugo, ou a recentemente anunciada pola Deputación de Ourense. Ademais, a Xunta traballa tamén na posta en marcha dunha entidade similar de ámbito autonómico, proxecto que está tamén na axenda de traballo do Clúster Audiovisual Galego, e o concello da Coruña e a Academia Galega do Audiovisual impulsaron unha Oficina de Cooperación Audiovisual (ACO).