150.000 euros para actividades de promoción e mellora da comunicación do destino Arousa Norte

150.000 euros para actividades de promoción e mellora da comunicación do destino Arousa Norte

Turismo de Galicia destinará un total de 150.000 euros para o impulso na promoción da Mancomunidade de Arousa Norte, especialmente no que se refire ás novas tecnoloxías, xa que unha parte moi importante deste financiamento irá dirixida á renovación da web, as súas redes sociais e á creación dunha app coa axenda comarcal da zona. A achega destes fondos é posible grazas á firma dun convenio entre a administración pública e a Mancomunidade, que terá vixencia até 2017, e que terá como ámbito de actuación os concellos da Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo e Ribeira. As accións a desenvolver teñen, ademais, como obxectivo a consolidación deste territorio como destino accesible para persoas con discapacidade, fomentando ao mesmo tempo o turismo deportivo, de natureza e gastronómico.

Así, contrataranse intérpretes para as actividades guiadas no marco do Encontro Autonómico de Persoas xordas de Galicia e, para as persoas con discapacidade visual, mellorarase a comunicación da oferta accesible ao redor da Ruta do Mexillón sensitiva. Así mesmo, tamén se realizarán xornadas sobre turismo accesible para estudantes e axentes turísticos.

Deporte, natureza e gastronomía
En canto ao turismo deportivo e de natureza, realizarase a inspección e o proxecto técnico para homologar unha ruta de sendeirismo en Rianxo e crearase un circuíto comarcal de carreiras populares, ademais de colaborar coa organización da Ruta do 100 km dos International Trekkers, evento deportivo que percorre, entre outros, o catro municipios da Mancomunidade. Esta actividade, que en 2016 celebrarase a finais de xuño e que xa vai pola súa terceira edición, axudará a promocionar o turismo na zona. Así mesmo, promoverase a asistencia a feiras de promoción turística e a creación dunha base de datos de empresarios turísticos, recursos turísticos e material visual e informativo, entre outras actuacións.