14 empresas coruñesas optan ao selo de calidade turística SICTED

  • Das 47 entidades que se presentaron ao proceso neste período inicial, 14 recibiron avaliacións positivas.
  • A Mesa de Calidade de Turismo da Coruña, impulsada polo Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña, xa se constituíu e reuniu por primeira vez.

 

Son 14 empresas e establecementos turísticos da Coruña os que optan ao selo de calidade turística SICTED (Sistema Integral de Calidade Turística en Destino). Este distintivo acredita o cumprimento dos requisitos establecidos na metodoloxía e recoñece o esforzo e o compromiso coa calidade e a mellora continua, distinguindo o servizo turístico fronte á competencia. Das 47 entidades que se presentaron ao proceso neste período inicial de selección, posto en marcha hai medio ano a través do Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña, foron 14 as que recibiron unha avaliación positiva.

 

A Mesa de Calidade Turismo da Coruña constituíuse o pasado venres, 5 de maio, celebrando ese mesmo día a súa primeira reunión. Nesta xornada valoraron as diferentes candidaturas que optan a recibir o selo SICTED no vindeiro Comité Interdestino, que se celebrará o 15 de xuño en Madrid.

 

Dita mesa está composta polo presidente, Juan Ignacio Borrego, concelleiro de Turismo da Coruña); Héctor Cañete, presidente da Asociación de Hostalaría da Coruña; Agustín Collazos, presidente de Hospeco; José Blanco, presidente da Coruña Convention Bureau; Eduardo Guillén, profesor da Universidade da Coruña; e Moisés Jorge Naranjo, xerente do Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña.

 

Na modalidade de Hoteis e Apartamentos Turísticos, as empresas que superaron estas probas iniciais son o Hotel Attica21 e o Hotel Riazor, mentres que na categoría de Museos e Centros de Interese Turístico Visitables destacaron o Centro de Interpretación e Atención ao Visitante – Oficina de Turismo, Mega Mundo Estrella Galicia, Museos Científicos Coruñeses e a Torre de Hércules.

 

No apartado de Restaurantes e Empresas de Catering figura o Restaurante Ecletic (recentemente incorporado ao Club de Produto Galicia Destino Sostible); no ámbito de Espazos para turismo e reunión está EXPOCoruña; na área de Convention Bureaux, A Coruña Convention Bureau; na modalidade de Experiencias e Talleres Turísticos destacou Pencil&Fork; en Atracada de Cruceiros e Ferries, Rubine e Hijos; no capítulo de Axencias de Viaxes, Viaxes Embaixador; e finalmente na área de OPCs, Global Azaga.