A Xunta destina 3,2 millóns de euros para a rehabilitación de vivendas no Camiño de Santiago

A Xunta destina 3,2 millóns de euros para a rehabilitación de vivendas no Camiño de Santiago

A Xunta de Galicia ven de abrir prazo para solicitar axudas para a rehabilitación de vivendas nos sete Camiños de Santiago. Os solicitantes poderán financiar con cargo a estas axudas ata o 35 % do orzamento subvencionable das obras, cun límite máximo de 11.000 euros por vivenda e cun máximo de 3,2 millóns de euros de investimento total, unha medida que se recolle no Plan rehaVita, plan de rehabilitación, aluguer e mellora de acceso a vivenda 2015-2020. O programa inclúe unha partida de 500.000 euros para a adecuación de infravivendas situadas no rural. As axudas poderán concederse ás persoas propietarias únicas de edificios ou vivendas, comunidades de propietarios e agrupacións de comunidades de propietarios, e as actuacións subvencionables deberán adaptarse ás normativas vixentes en materia de edificación, accesibilidade, patrimonio cultural e urbanismo.

Nas zonas urbanas as axudas irán destinadas unicamente ás vivendas situadas no trazado do Camiño, e nas zonas rurais poderán acollerse ás axudas todas as vivendas incluídas na parroquia pola que pasa un dos Camiños de Santiago, e non só aqueles inmobles situados estritamente na ruta. Non se inclúen nestas axudas as vivendas emprazadas noutras ARI xa declaradas.

O programa será xestionado directamente polo Instituto Galego da Vivenda e Solo e das súas axudas pódense beneficiar as vivendas situadas en 498 parroquias dos 107 concellos polos cales transcorren as sete rutas dos Camiños de Santiago en Galicia polo que se levará adiante unha campaña informativa e divulgativa que percorrerá os 107 concellos integrados na Área de Rehabilitación Integral dos Camiños de Santiago. Con tal fin están previstas as seguintes actuacións en todos os concellos dos camiños: charlas informativas dirixidas aos potencias beneficiarios das axudas; xornadas técnicas para o persoal dos concellos beneficiarios e as autoridades locais; exposicións itinerantes divulgativas sobre a Área de Rehabilitación dos Camiños de Santiago e as axudas de rehabilitación; e actuacións de asesoramento técnico e de coordinación das diferentes administracións implicadas.

O prazo de presentación das solicitudes está xa aberto e pódense consultar as bases desta orde no seguinte enlace: http://goo.gl/5SDHe4 e os detalles subvencionables neste enlace.  Con este programa, o Goberno galego quere contribuír á posta en valor da paisaxe dos Camiños de Santiago como activo singular da Comunidade Autónoma, a través da recuperación do patrimonio residencial construído na ruta, configurado ao longo dos séculos como un sinal de identidade do país. Así mesmo, a Xunta entende que esta iniciativa contribuirá a dinamizar desde o punto de vista xeográfico e económico as zonas polas cales pasan os Camiños de Santiago, que transcorren en gran medida por territorio rural.

A Área de Rehabilitación do Camiño de Santiago foi declarada no ano 2010 e comprende o trazado das sete rutas do Camiño en Galicia:

• Francés. Desde Pedrafita do Cebreiro ata Santiago de Compostela
• Da Prata I. Desde A Mezquita ou Verín ata Ourense
• Da Prata II. Desde Ourense ata Santiago de Compostela
• Inglés. Desde Ferrol ou A Coruña, xuntándose en Mesía ata Santiago de Compostela
• Primitivo. Desde A Fonsagrada ata Melide que conecta co Camiño Francés
• Norte. Desde Ribadeo ata Arzúa que conecta co Camiño Francés
• Fisterra-Muxía. Desde Santiago de Compostela ata Fisterra con desvío Muxía
• Portugués. Desde Tui a Santiago de Compostela

Desde a declaración da Área de Rehabilitación dos Camiños de Santiago rehabilitáronse nela 130 vivendas, cun investimento público próximo aos 900.000 euros. Estímase que as axudas que se destinarán o vindeiro ano a este programa permitirán rehabilitar no contorno 300 vivendas.