Co fin de garantir a conservación do enclave e regular o seu acceso público, a Xunta de Galicia ven de aprobar un Plan de Conservación para a Praia das Catedrais, en Ribadeo, dotado con 1,5 millones de euros de investimento e. O Plan, elaborado a partir do diálogo coas diferentes administracións e baseado na diagnose científica das súas principais amenazas, estructúrase arredor de cinco eixes de traballo: avanzar no coñecemento deste espazo protexido en Lugo, evitar a perda da súa biodiversidade, acadar un uso público e ordeado do espazo que sexa compatible coa súa conservación, apostar pola mellora paisaxística do patrimonio e favorecer o compromiso social.
Entre as principais novidades que aporta o plan destaca que, a partir do 1 de xullo, os visitantes deberán contar cunha autorización de balde que poderá conseguirse desde 15 días antes nunha dirección web habilitada para tal efecto http://ascatedrais.xunta.es. Esta autorización permitirá asegurar que un máximo de 4.812 persoas visiten diariamente o enclave durante os meses de xullo, agosto, setembro e en Semana Santa. Así, ademais de regular o acceso nos períodos de maior confluencia de visitantes, apóstase por favorecer a desestacionalización da demanda. Do mesmo xeito, está prevista a difusión da normativa de uso público e o control e vixilancia do seu cumprimento.
O Plan, que ten un tempo de actuación de dez anos, inclúe, ademais, a ordenación e homoxeneización dos paneis informativos de diferentes organismos; a eliminación de noiros artificiais e a recuperación da topografía orixinal do terreo, cando sexa necesario; iniciativas para mitigar ou reducir o impacto visual dos equipamentos e das infraestruturas existentes ou previstos; desenvolver actuacións para ordenar os accesos e áreas de aparcadoiro e a venda ambulante, así como para a promoción de medios de transporte alternativos ao vehículo particular; ou a ordenación dos sendeiros e accesos interiores ao monumento natural.
Por último, o Plan tamén avogará por favorecer o compromiso social, fomentando o coñecemento e a implicación na conservación do monumento natural, mediante a promoción de campañas e da coordinación con outras administracións, coa comunidade científica e coa poboación en xeral.
Oportunidade de desenvolvemento ordeado para o sector turístico
Segundo explicou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, trala aprobación do plan no Consello da Xunta, este enclave da Mariña lucense non é só “unha das nosas praias máis fermosas, senón que é un espazo único e recoñecido por varias figuras de protección ambiental”. De feito, recordou que, aparte de ser considerado monumento natural, conta con interese xeolóxico e mineiro e forma parte da Rede Natura 2000 e da Reserva da Biosfera do Río Eo, Oscos e Terra de Burón.
Por este motivo, o Goberno galego ve preciso, segundo explicou Feijóo, dar pasos decididos para evitar a súa degradación pola presión turística e garantir que os seus valores ambientais se manteña ao longo do tempo. Segundo concluíu Alberto Núñez Feijóo, trátase dun Plan “que fará posible unha xestión máis eficiente dos recursos públicos” e que cómpre valorar como “unha oportunidade, sen dúbida, de desenvolvemento económico para o sector turístico, para a hostalería e para o ocio, compatibles coa conservación dos valores ambientais que motivaron a declaración de Monumento Natural das Catedrais”. “En consecuencia, o que queremos, é que se siga visitando un monumento que temos a obriga de conservar e este é o primeiro Plan de Conservación integral que se acomete por un Goberno en relación á praia das Catedrais”, aseverou o presidente da Xunta.