A Coruña acolle a entrega das 281 distincións Q de Calidade 2017

O presidente Feijóo presidiu o acto e destacou que Galicia é a única comunidade que leva 14 anos consecutivos sumando certificacións Q de calidade

O Palacio de Congresos da Coruña acolleu o acto de entrega das distincións Q de Calidade a 281 empresas, unha cifra que mellora os datos do ano pasado e que supón que Galicia triplicou o seu número de distincións pasando das 104 en 2006 ás 281 actuais e que acredita un sector que aposta claramente pola calidade como medio de distinción. Un distintivo que, segundo aseverou o presidente da Xunta, “para obtelo é necesario ser autocrítico, ter vocación de mellora, perfeccionarse de maneira constante e, sobre todo, consentir cada un dos detalles que importan na atención aos visitantes.
Observando a distribución das Q por sectores, destaca que o crecemento da Comunidade aséntase nunha importante especialización nos campos en que é líder: no campo náutico-deportivo, onde máis do 60% das distincións para instalacións deste tipo están en Galicia; no turismo rural, con case a metade dos establecementos con Q de Calidade; e no termalismo, onde a provincia de Ourense é a segunda maior potencia termal de Europa. Así mesmo, Galicia é líder en turismo activo, que engloba actividades como sendeirismo ou escalada, e nunha modalidade emerxente como é o turismo industrial. O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, afirmou, ademais, que a procura constante da calidade e a excelencia fan que Galicia sexa a única comunidade autónoma que leva 14 anos consecutivos sumando certificacións Q de Calidade.