O municipio pontevedrés de Valga verá transformada a antiga mina de arxila de Porto Piñeiro nun novo punto de interese turístico e de lecer sostible. A actuación, impulsada pola Xunta de Galicia dentro do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) Mar de Santiago, contará cun investimento de 550.000 euros.
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, visitou a zona para coñecer de primeira man o proxecto, que contempla a recuperación ambiental da contorna, a creación de carreiros e actuacións de mellora da eficiencia enerxética. O obxectivo é transformar un espazo degradado nun recurso que achegue valor paisaxístico, ambiental e económico á comarca.
A mina rehabilitada integrarase dentro do xeodestino Mar de Santiago, que agrupa a Valga, Catoira, Pontecesures e Vilanova de Arousa. Esta intervención forma parte dun plan global financiado con 1,7 millóns de euros procedentes de fondos europeos NextGeneration e que busca diversificar a oferta turística galega, potenciando o seu patrimonio natural e cultural.
Merelles destacou que este tipo de proxectos reforzan a estratexia de Galicia para posicionarse como destino termal, natural e cultural de referencia, fomentando a sostibilidade e revitalizando zonas rurais.