O pasado venres, 27 de outubro, ás 09:00 horas da mañá, Turismo de Galicia abría o prazo de solicitudes para facerse cun dos 10.000 bonos turísticos do programa #DescubreGaliciaenOutono. Un prazo de descarga que só durou aberto 10 minutos, tempo no que as persoas beneficiarias se puideron facer con algún destes bonos. Os vales, con valor de 100 €, permiten gozar de descontos do 40% en cada compra.
Os 10.000 bonos poderanse aplicar en calquera dos establecementos de aloxamento e axencias de viaxe adheridas á iniciativa, que están identificadas co distintivo da campaña e que tamén se poden consultar a través desta ligazón. A data límite para empregar o bono nos establecementos adheridos será o 25 de decembro.
Os establecementos interesados en unirse ao programa poderán solicitar a súa adhesión ata o 1 de decembro de 2023 a través da páxina oficial do bono turístico. Poden participar establecementos de aloxamento situados en Galicia (establecementos hoteleiros, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural, apartamentos turísticos, vivendas turísticas e albergues turísticos) e as axencias de viaxe que teñan un centro de traballo na comunidade galega, e que desenvolvan as súas actividades dentro do sector turístico vinculado a Galicia, prestando servizos, actividades ou produtos vinculados a este programa en Galicia. En ambos os dous casos deberán estar dados de alta no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) no momento da publicación da convocatoria, e ter coñecemento da sinatura que se lles proporcionou no momento da alta neste rexistro.
A Axencia Turismo de Galicia organizou unha xornada informativa sobre esta campaña, dirixida aos establecementos de aloxamento e axencias de viaxe interesadas en adherirse ao programa. A sesión, que tivo lugar o luns, 30 de outubro, pódese visualizar a través desta ligazón.
O bono turístico busca incentivar a actividade turística en Galicia das persoas residentes na Comunidade, e dinamizar o consumo turístico e a economía e emprego fóra da tempada alta, promovendo a desestacionalización.