O Concello da Coruña e a UDC crearán un observatorio turístico

Un equipo da universidade herculina organizará e analizará os datos de interese turístico co obxectivo de optimizar os recursos.

 

O Concello da Coruña, a través do Consocio de Turismo e Congresos da Coruña, a Universidade da Coruña e a Fundación deste centro universitario, acaban de asinar un acordo para a posta en marcha dun Observatorio Turístico que organice e analice os datos de interese do sector. O obxectivo é “ter un maior control do fluxo turístico na cidade para así poñer en marcha políticas encamiñadas a un maior aproveitamento dos recursos”.

 

O acordo establece que un grupo de investigadores da UDC encabezados por Guillen Solórzano e Iria Caamaño se ocupará, entre outras tarefas, de realizar unha auditoría de datos de interese turístico, así como dunha primeira análise e organización deses datos que obran en poder do Concello e noutras entidades do sector para valorar o seu alcance. Tamén deseñarán e definirán o cadro de mando de control para o observatorio, e unha ferramenta de uso colaborativo e compartido para que esa información poida ser incorporada e consultada por diferentes servizos.

 

Os datos dos aloxamentos, a demanda, a procedencia dos viaxeiros (aeroporto, tren, cruceiros), a cultura e o lecer, o gasto por persoa e día e durante a estancia, as compras con tarxetas bancarias segundo os sectores, e a medición da pegada de carbono en polo menos un evento MICE por tempada e tamén nun evento cultural ou festival son algunhas das cuestións que serán estudadas a través desta iniciativa.