Ao tempo en que unha vintena de profesionais do sector turístico asistían hoxe a un taller realizado en Pontevedra e Vigo sobre as novas tecnoloxías, o seu impacto e aplicacións ao sector turístico, algo máis dunha ducia de profesionais da mesma rama do sector formábanse en Vigo nas nocións básicas da atención ao cliente en inglés dentro do programa Galicia Friendly. Ambas son accións de formación ao sector turístico que está impulsado o Clúster Turismo de Galicia co obxectivo de mellorar a capacitación e as habilidades dos profesionais deste sector. “O obxectivo é modernizar e profesionalizar todo o sector, desde os directivos ás bases, para aumentar a nosa competitividade e mellorar a atención que ofrecemos aos visitantes”, explica o presidente do Clúster Turismo de Galicia.
Os novos desenvolvementos tecnolóxicos, as tendencias e as posibles utilizacións da tecnoloxía aplicada ao sector foron temas abordados polo responsable do taller de novas tecnoloxías, José Miguel Alarcón, socio consultor de AbTur Asesores, especializado en interim management, consultoría e xestión de empresas turística que impartiu este taller de dúas horas de duración nas instalacións do Consello Regulador D.Ou. Rías Baixas en Pontevedra durante a xornada da mañá e na xornada da tarde en Vigo no Sercotel Baía de Vigo.
O obxectivo principal deste taller, que se repetirá en diferentes localidades galegas, foi sensibilizar ás persoas asistentes acerca da importancia da incorporación da tecnoloxía á xestión das empresas turísticas, en áreas como a da comercialización a optimización de procesos, a xestión dixital integral, a integración de canles ou a diferenciación, personalización e estudo dos clientes.
O taller intégrase no terceiro Plan de Formación promovido polo Clúster Turismo de Galicia, coa colaboración da Axencia de Turismo de Galicia, baixo a organización de IFFE Business School. Os profesionais interesados poden consultar o contido deste Plan e do resto das actividades incluídas no calendario formativo a través da web www.iffe.es/turismo.
Formación en inglés en setembro e outubro
Pola súa banda o grupo de profesionais que se forma ata o vindeiro martes 26 nas instalacións do Hotel Baía de Vigo, será o primeiro da Provincia de Pontevedra en lograr un selo distintivo, Galicia Friendly, que situará aos seus locais a través da Guía Galicia Friendly nas principais feiras turísticas de Europa onde participa o Clúster de Turismo de Galicia. Seguiranlle outros grupos en sesións de dúas horas, de luns a xoves, que estenderán a formación na provincia ata o próximo 18 de outubro, coa colaboración da Federación Provincial de Empresarios de Hostalaría de Pontevedra.
O Selo Galicia Friendly é unha aposta para promover e impulsar a mellora da comercialización do destino Galicia co que se dotará ás empresas participantes, e que aseguran unha correcta atención en inglés para os turistas, así como a promoción das empresas participantes na guía Galicia Friendly, que se repartirá nas principais feiras internacionais onde se comercializa o destino Galicia, e na web do Proxecto, onde non só se poderán consultar os locais, senón ver onde están e como chegar, así como consultar a carta e os principais comentarios sobre os locais.