Panamá será o país convidado na próxima edición de Xantar, Salón Internacional de Turismo Gastronómico, que se celebrará en Expourense en Galicia, España, entre o 1 e o 5 de febreiro de 2017, cunha caseta desde o que promocionará o destino turístico e dará a coñecer a súa oferta en distintos segmentos. A presenza de Panamá neste evento mundial ten o obxectivo de situarse como “destino cosmopolita e sustentable, conxugando tradición e modernidade” e espertar o interese dos europeos para que gocen dos seus atractivos.
Panamá contará cun restaurante propio dentro do salón que estará liderado polo Club Gastronómico de Panamá, unha asociación sen ánimo de lucro que pretende ensinarlle á comunidade panameña e internacional as virtudes da arte da gastronomía. A delegación panameña que se desprace até Xantar participará ademais nas accións profesionais da feira como os shoowcooking en directo, ou as conferencias incluídas no 12º Encontro Internacional sobre Gastronomía Sustentable e Saudable. Ademais, organizaranse catas comentadas de produtos seleccionados.
Panamá únese así á lista de países convidados en Xantar, reforzando o carácter internacional do salón e a súa vinculación con América Latina. Antes participaron como convidados Costa Rica, Cuba, Perú, Francia, Arxentina, Portugal e México. Esta participación materialízase a través da invitación realizada por esta feira internacional de Turismo Gastronómico, avalada polo Ministerio de Economía, Industria e Competitividade de España, á Autoridade de Turismo de Panamá.
Vínculos entre Panamá e Galicia
A elección deste país como convidado, para a edición na que Xantar cumpre a súa maioría de idade, contribuirá de novo a estreitar os lazos comerciais e afectivos entre Panamá e Galicia, unidos a través da emigración. No século XX, Panamá absorbeu a unha gran parte da diáspora galega que optou por pór rumbo a esta República. O seu obxectivo: participar nas obras de construción dunha gran canle que enlazase o océano Pacífico co Atlántico e que na actualidade é unha das grandes obras de enxeñaría a nivel mundial. Na actualidade, os veciños de Boborás e os seus descendentes representan a comunidade máis numerosa de todas as españolas residentes no Istmo.