As Rutas do Viño de Galicia lanzan unha campaña para promocionar a súa oferta a través das oficinas de turismo

As Rutas do Viño de Galicia lanzan unha campaña para promocionar a súa oferta a través das oficinas de turismo

O obxectivo é poñer en valor a ampla oferta de experiencias nas cinco rutas de enoturismo e fomentar a súa reserva entre o público visitante.

 

Enoturismo Galicia, marca paraugas baixo a que se agrupa toda a oferta enoturística de Galicia, presentou hoxe no Centro Internacional de Acollida ao Peregrino de Santiago de Compostela a súa nova acción promocional, que ten como obxectivo dar a coñecer a súa oferta a través da distribución de tarxetas postais nas oficinas de turismo.

 

A presentación contou coa participación da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro: do vicepresidente do Clúster Turismo de Galicia, Jesús Picallo; e do presidente da Ruta do Viño Rías Baixas, Juan Gil de Araujo, que falou en representación de Enoturismo Galicia. Tamén estiveron o presidente da Ruta do Viño do Ribeiro, Juan Casares, e da Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez.

 

Jesús Picallo felicitou esta iniciativa e destacou que a paisaxe e o patrimonio reflectido nas postais “dan sentido ás cinco ruta do viño de Galicia que, nun indiscutible acerto, apostan pola colaboración para desenvolverse e promocionarse a través da marca común Enoturismo Galicia”.

 

O vicepresidente do Clúster engadiu que o traballo das rutas do viño é “esencial para obxectivos que non soamente teñen que ver co turismo, senón tamén co territorio e co desenvolvemento económico das zonas rurais de Galicia”.

 

A acción presentada hoxe consiste na promoción da oferta enoturística das cinco rutas en oficinas de turismo de toda Galicia, co obxectivo de dar a coñecer o enoturismo e promover a reserva de experiencias. Realizáronse máis de 100 envíos de materiais promocionais a outras tantas oficinas de turismo de Galicia, nos que se inclúen displays de sobremesa e tarxetas postais personalizadas con paisaxes das rutas de enoturismo. A finalidade é que estes materiais sitúense ao alcance das persoas que visitan estes puntos, para que poidan coller postais das rutas e levarllas de recordo e, mesmo envialas por correo postal.

 

As paisaxes do viño, o patrimonio, a natureza e todo o patrimonio tanxible e intanxible que rodea a cultura do viño son os grandes protagonistas desta campaña promocional, que aposta por poñer en valor a oferta de enoturismo entre as persoas que cada ano visitan a nosa comunidade.

 

Marca Enoturismo Galicia

Impulsada polas cinco rutas do viño en colaboración co Clúster Turismo de Galicia e con Turismo de Galicia, Enoturismo Galicia é unha marca paraugas baixo a que se agrupa a oferta enoturística das cinco rutas do viño galegas: Rías Baixas, O Ribeiro, Valdeorras, Ribeira Sacra e Monterrei. O obxectivo é desenvolver unha estratexia común por parte das Rutas do Viño que permitan dar a coñecer o patrimonio vitivinícola do territorio de forma conxunta, promocionando o enoturismo e a  enogastronomía, especialmente de fronte ao exterior, e xerar sinerxias entre as cinco rutas para crear unha oferta innovadora e atractiva.