Expourense acollerá en novembro SPORTUR Galicia, o I Salón do Deporte e Turismo Activo

Co obxectivo de dar a coñecer Galicia como destino activo e saudable, ao tempo en que se promociona a oferta diversa que o noso terrritorio ofrece nesta materia, Expourense acollerá do 17 ao 19 de novembro a primeira edición de SPORTUR Galicia, o Salón do Deporte e o Turismo Activo que se celebrará en Ourense coincidindo coa Carreira Popular de San Martiño que todos os anos atrae á capital das Burgas a centenares de deportistas.

O evento, que conta coa colaboración da Axencia de Turismo de Galicia e da Secretaría Xeral para o Deporte, está chamado a converterse en punto de encontro para todo tipo de público que queira coñecer os servizos, produtos e opcións vinculadas co turismo activo e o deporte que ofrecen os expositores entre os que terán cabida desde concellos a empresas de equipamentos para o deporte e a aventura ou especializadas na venda de paquetes turísticos que inclúan actividades deste tipo. Haberá tamén un espazo dedicado ás distintas asociacións e federacións deportivas de Galicia para que poidan promocionar as actividades que organizan. Esta cita estará centrada en Galicia pero tamén está aberta a expositores doutras comunidades ou países que queiran presentar os seus destinos de turismo activo ou deportivos.

O espazo expositivo deste salón complementarase coa organización de actividades paralelas como seminarios e charlas especializadas (preparación física, prevención de lesións deportivas, nutrición, xestión de infraestruturas deportivas, …), presentación dos destinos turísticos participantes nesta cita, exhibicións deportivas, etc. No ámbito profesional, organizaranse tamén accións de networking entre empresas e potenciais compradores.