Unha ampla representación de guías turísticos galegos mantiveron un encontro con Turismo de Galicia co obxecto de afondar na divulgación dos produtos que conforman a oferta turística da comunidade, para incrementar o seu coñecemento e contribuir a difundir en toda a súa dimensión entre os visitantes que se achegan ao noso territorio.
Natureza e cultura son dous dos principais motivos polos que nos visitan preto do 50% dos turistas, polo que desde Turismo de Galicia estase a facer un desenvolvemento de produtos turísticos que camiñan neste sentido entre os que salientan os espazos naturais da Comunidade galega, as rutas de sendeirismo e os centros de bicicleta todo terreo, no eido da natureza; e o Camiño de Santiago, o patrimonio relixioso, os xacementos arqueolóxicos e os conxuntos históricos das cidades galegas, no eido cultural. Neste sentido, os guías de turismo de Galicia recibiron ampla información para poder prescribir estes produtos turísticos e comunicar o xeito de acceder a eles.
Os guías turísticos de Galicia tamén tiveron a oportunidade de coñecer de preto os dez produtos cabeceira do turismo galego –Camiño de Santiago, Bosques de Galicia, Turismo mariñeiro, Santuarios máxicos, Ruta da camelia, Faros e praias salvaxes, Mananciais de Galicia, Paseando entre viñedos, Patrimonio oculto e Lugares únicos-, creados ao obxecto de apoiar a comercialización dos recursos turísticos máis característicos da Comunidade galega. Neste caso, representantes de Turismo de Galicia explicaron a oferta turística que comprende cada un deses produtos, así como o xeito de acceder a eles e á súa plataforma de venda.
Ademais, no que atinxe aos produtos cabeceira, tamén se puxo de manifesto o éxito da combinación dalgúns deles, como é o caso da Ruta da camelia e Paseando entre viñedos, que deu orixe a Viños e camelias, que combina a enoloxía coa riqueza patrimonial dos pazos galegos.
Camiño de Santiago
A reunión contou tamén cun apartado para o Camiño de Santiago, no que o xerente do Xacobeo , Rafael Sánchez Bargiela, falou das principais actividades que desenvolve Turismo de Galicia arredor da Ruta Xacobea, tanto no eido da promoción como da xestión das distintas rutas que conforman o Camiño en Galicia.
No encontro por parte de Turismo de Galicia tamén tomaron parte os directores de Competitividade e Promoción, José Luis Maestro e Carmen Pita, respectivamente, e os responsables das áreas de Produtos, Proxectos e Accións Promocionais, e Imaxe e Xestión de Marca.