O Clúster mantén a súa aposta pola internacionalización do destino reuníndose con persoal directivo das OETs dos mercados prioritarios

O Clúster mantén a súa aposta pola internacionalización do destino reuníndose con persoal directivo das OETs dos mercados prioritarios

  • Durante a celebración da feira internacional de turismo, Fitur 2024, o Clúster reuniuse coas persoas responsables de diversas Oficinas Españolas de Turismo.

 

As presentacións son as citas máis visibles de FITUR, pero a feira internacional de turismo funciona tamén como importante punto de encontro e reunión para os profesionais do sector turístico de diferentes territorios e países. O Clúster Turismo de Galicia mantén a súa aposta pola internacionalización do destino Galicia. No marco desta feira, mantivéronse reunións co persoal directivo das Oficinas Españolas de Turismo internacionais. Estes encontros permitiron poñer en valor as actuacións que realiza o Clúster de Turismo de Galicia a nivel internacional e abordar aquelas cuestión e/ou feiras que poidan ser de interese para o sector turístico galego en cada un dos destinos.

 

En total foron cinco as reunións mantidas con directores das OETs. Unha delas foi coa directora da OET de Toronto, Bárbara Couto María, para estudar o mercado canadense. O equipo tamén se reuniu coa directora da OET de Miami, Elvira Marcos Salazar, destacando a importancia do mercado de Estados Unidos, e analizando a participación do sector no Spain Tourism Summit, evento organizado por Turespaña. Dentro do mesmo mercado, tamén tivo lugar unha reunión coa responsable da OET de Chicago, Ángela Castaño Cabanas, coa vista posta na MAST de Chicago, un evento no que o sector participou o pasado 2023. Outro dos encontros foi co responsable da OET de Tokio, Jaime Alejandre Martínez, centrado nas xornadas de apoio ao turismo que terán lugar en Seúl e Tokio para os mercados xaponés e taiwanés. Finalmente, o equipo técnico tamén conversou co responsable da OET de Berlín, Álvaro Blanco Volmer, destacando a misión comercial do CTG á ITB Berlín.

 

Tamén houbo tempo para reunirse con responsables de Turespaña, estudando posibles campañas de cooperación similares á promoción da marca ‘Galicia Destino Sostible’ no mercado norteamericano, realizada o pasado 2023 con Expedia, acercando as experiencias sostibles galegas aos Estados Unidos.

 

Catálogos

 

Durante os diferentes encontros, o equipo do Clúster presentou dous catálogos: ‘Galicia Travel Agencies’, coa presenza de case 25 axencias de viaxe galegas, e ‘Galicia. Un lujo para tus sentidos’, coa presenza de diversas axencias de viaxe, aloxamento, establecementos de enogastronomía e actividades complementarias de turismo de luxo. Os documentos tiveron moi boa acollida durante a celebración da feira, e foron destacados por moitos dos profesionais como “moi interesantes”.

 

A incorporación de novas entidades nestes documentos, baixo diversos criterios de admisión, continúa aberta. Para máis información podes consultar a través do correo electrónico secretariatecnica@clusterturismogalicia.com ou no teléfono 881 247 436.