Galicia consolidarase como destino de calidade en FITUR

  • O espazo da Axencia Turismo de Galicia xirará en torno á calidade do destino galego e aos recursos ligados á auga en todas as súas vertentes.
  • O Clúster Turismo de Galicia promocionará as iniciativas Galicia Destino Sostible e Galicia Destino Familiar durante a celebración da Feira Internacional.

 

Galicia iniciará a súa promoción anual como destino turístico o 24 de xaneiro na Feira Internacional de Turismo, Fitur. A Xunta de Galicia anunciou a participación da Comunidade galega coma unha “aposta por consolidarse como un destino de calidade, sustentable, diferenciado e respectuoso”.

 

O expositor galego xira ao redor da auga como elemento que define a identidade da Comunidade. Trátase dunha das principais características da paisaxe galega e elemento vital do territorio. Este expositor estrutúrase en módulos dedicados á oferta turística xeral de Galicia, establecementos co selo Galicia Calidade, Q de Calidade e S de Sostibilidade. Tamén haberá un espazo para o Camiño de Santiago, o turismo termal, o turismo activo, o turismo náutico, as catro provincias galegas e as sete grandes cidades da Comunidade.

 

Un ano máis, o Clúster Turismo de Galicia xestionará o espazo de negocios do stand de Galicia, no que poñerá a disposición dos asociados diversas mesas nas que poderán manter reunións con operadores turísticos. Ademais disto, o CTG participará en diversas das presentacións do evento e contará cun mostrador no que promocionará o turismo sostible e familiar en FITUR, dando a coñecer diversas iniciativas da entidade como Galicia Destino Sostible ou Galicia Destino Familiar.

 

A Feira Internacional de Turismo celebrarase do 24 ao 28 de xaneiro en IFEMA, Madrid. O acceso profesional será do 24 ata o 26 de xaneiro, cun horario desde as dez da mañá ata as sete da tarde. O punto de encontro para expertos do turismo contará con máis de 8.500 empresas expositoras e 136.000 profesionais.