O valor de avanzar en común: o Clúster organiza unha nova edición do encontro anual do Club de Produto ‘Galicia Destino Sostible’

O valor de avanzar en común: o Clúster organiza unha nova edición do encontro anual do Club de Produto ‘Galicia Destino Sostible’

  • Trátase dun evento exclusivo para todas aquelas empresas que forman parte da marca turística ‘Galicia Destino Sostible’.
  • Un espazo para compartir, aprender e avanzar cara a un modelo turístico máis sostible.

 

O Clúster Turismo de Galicia, en colaboración coa Xunta de Galicia – Axencia Turismo de Galicia, organiza o vindeiro mércores 14 de maio unha nova edición do encontro anual do Club de Produto ‘Galicia Destino Sostible’, unha xornada dirixida ás empresas adheridas á marca e que require de inscrición previa. O evento celebrarase en Bodegas Martín Códax (Cambados) e reunirá aos axentes do sector para reflexionar colectivamente sobre o presente e o futuro do turismo sostible en Galicia.

Baixo o lema “O valor de avanzar en común”, esta xornada poñerá o foco en compartir camiños cara á sostibilidade e na posta en común de retos e boas prácticas no sector. O programa comezará ás 9:30 h coa recepción de asistentes e continuará coa proxección do novo vídeo promocional de Galicia Destino Sostible, seguida dunha presentación do balance de actividades de 2024 e a folla de ruta para 2025.

 

Un dos momentos destacados será a entrega dos kits de comunicación ás novas empresas adheridas, nun acto de recoñecemento e benvida. A continuación, celebraranse unhas mesas participativas nas que as persoas asistentes poderán intercambiar experiencias, identificar retos comúns e dialogar sobre solucións prácticas no camiño cara a un turismo cada vez máis responsable e respectuoso coa contorna.

 

A xornada finalizará cunha cata, maridaxe e espazo de networking libre, unha oportunidade para seguir fortalecendo vínculos entre as empresas do club.

 

Con esta nova cita, o Clúster Turismo de Galicia e a marca turística ‘Galicia Destino Sostible’ reafirman o seu compromiso coa sostibilidade turística, consolidándose como un referente a nivel autonómico e impulsando un modelo baseado na colaboración, a aprendizaxe e a mellora continua.

 

Adhesión a ‘Galicia Destino Sostible’

 

Para adherirse a ‘Galicia Destino Sostible’ as empresas teñen que cumprir ao menos un requisito habilitante ou ben o 100% dos obrigatorios e un 33% dos valorables. A adhesión pode solicitarse a través da web galiciadestinosostible.com. Unha vez que o comité asesor acepte a adhesión, a empresa xestionará as súas ofertas desde o portal e gozará das vantaxes de pertencer ao club de produto de xeito gratuíto.