O Clúster reforzará a súa aposta pola proxección do destino en Turexpo Galicia 2025

O Clúster reforzará a súa aposta pola proxección do destino en Turexpo Galicia 2025

  • A feira turística celebrarase do 5 ao 8 de xuño en Silleda e reunirá a máis de 30 operadores turísticos de dez países, incluíndo por primeira vez a Indonesia e Serbia.

 

O Clúster Turismo de Galicia participará un ano máis en Turexpo Galicia, o Salón Turístico de Galicia que celebrará a súa 14ª edición do 5 ao 8 de xuño de 2025 no recinto da Feira Internacional de Galicia ABANCA, en Silleda. Farao con caseta propia dentro do espazo de Turismo de Galicia, desde o cal difundirá a súa actividade, así como a diversidade e calidade da oferta turística galega.

 

Un dos principais focos do evento volverá ser a súa Bolsa de Contratación Turística, que durante os días 5 e 6 de xuño facilitará reunións de negocio preestablecidas entre empresas do sector e unha selección de operadores turísticos nacionais e internacionais. Nesta edición, xa están confirmados máis de 30 operadores turísticos procedentes de países como Alemaña, Canadá, Estados Unidos, Irlanda, Países Baixos, Polonia, Portugal, España e, por primeira vez, Indonesia e Serbia.

 

Estes encontros representan unha oportunidade estratéxica de comercialización, especialmente para axencias de receptivo, hoteis, empresas de transporte, entidades vinculadas ao turismo activo, gastronómico, relixioso ou de natureza, e destinos turísticos consolidados ou emerxentes de Galicia. Neste sentido, o Clúster facilitará o acceso das súas entidades asociadas a esta plataforma de negocio, cun número limitado de invitacións.

 

Ademais de fomentar o acceso dos seus socios a esta cita clave para o sector, o Clúster aproveitará a súa presenza para dar visibilidade aos seus principais recursos promocionais, como os catálogos Galicia Travel Agencies e Galicia, un luxo para os teus sentidos, así como á marca Galicia Destino Sostible, eixo da súa estratexia por un turismo responsable, diferencial e de longo percorrido.

 

Con esta participación, o Clúster Turismo de Galicia afianzará o seu compromiso co impulso da comercialización turística e a internacionalización do destino, nunha feira que se celebra en paralelo á Semana Verde de Galicia.