Termatalia e o Concello levan a Ourense a celebración do Global Wellness Day

Co obxectivo de pór en valor á cidade e á provincia como destino de benestar, Termatalia, en colaboración co Concello de Ourense, impulsou a celebración na Cidade das Burgas do Global Wellness Day (Día Mundial do Benestar) cun acto que reuniu na Piscina das Burgas da cidade a distintos representantes institucionais, empresariais e sociais.  Ourense celebra así este día para promocionarse como destino saudable, un concepto que vai máis aló do seu potencial termal e que inclúe tamén os seus recursos naturais e unha gastronomía de calidade con moitos produtos “quilómetro cero” producidos, transformados e comercializados na provincia.
Termatalia, Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar, pola súa banda, conta unha rede estratéxica internacional na que se inclúen moitas das entidades que promoven o turismo de saúde a nivel mundial e entre estas atópase tamén está o “Global Wellness Day”, xa que un dos obxectivos de Termatalia é fomentar un estilo de vida saudable e un turismo de calidade respectuoso co Medio Ambiente.

Global Wellness Day
O Día Mundial do Benestar é un evento que transcende fronteiras, celébrase a nivel global o segundo sábado de cada mes de xuño, na actualidade máis de 74 países xa teñen unha participación activa. O fin desta xornada de reflexión é impulsar o benestar (Wellness) e fomentar un estilo de vida saudable. Con esta iniciativa, búscase crear conciencia social sobre as consecuencias e a importancia que teñen a prevención e o benestar na saúde das persoas.
A primeira celebración tivo lugar en Turquía no ano 2012 e aquilo que naceu como un pequeno evento local, en tan só cinco anos, converteuse nunha celebración de magnitude global. O seu obxectivo: Crear conciencia social para impulsar o benestar e un estilo de vida máis saudable. Hoxe máis de 600 emprazamentos repartidos entre o sete continentes xa alcanzaron a máis de 100 millóns de persoas. E o movemento segue crecendo.
As actividades que promove esta celebración son: camiñar unha hora ao día, levar unha vida respectuosa co Medio Ambiente, beber moita auga, elaborar un menú diario san e con produtos frescos e locais, pasar tempo coa familia e durmir un mínimo de oito horas.