O DOGA recolle xa o decreto que regula a actividade profesional dos guías turísticos en Galicia

O DOGA recolle xa o decreto que regula a actividade profesional dos guías turísticos en Galicia

A normativa, que non ten carácter retroactivo, establece como principais novidades a habilitación directa e indefinida do título

O DOGA do 19 de maio recolle o DECRETO 73/2015, do 7 de maio, polo que se regula a profesión de guía de turismo de Galicia e no que se regula a actividade profesional dos guías de turismo de Galicia logo do seu sometemento ao ditame do Consello Consultivo de Galicia, unha norma para a que se tivo en conta as opinións do sector, asociacións e entidades afectadas, mediante as súas achegas durante todo o proceso de exposición pública.

Entre as principais novidades, a nova normativa incorpora o procedemento de habilitación directa baseada na posesión dos títulos de Técnico superior en Guía, Información e Asistencia Turísticas ou o grao ou diplomatura en Turismo, sen necesidade da superación de probas específicas. Así mesmo, a habilitación será de duración indefinida polo que xa non precisará da súa validación cada cinco anos, como acontecía na actualidade. No que se refire á prestación de servizos ou ao establecemento e ao posible recoñecemento de cualificación profesional, establece réximes distintos segundo a procedencia do guía de turismo, e diferencia se procede doutra comunidade autónoma, da Unión Europea, do Espazo Económico Europeo ou dun país terceiro.

Ademais, o novo proxecto de decreto amplía o ámbito de aplicación da norma e comprende tanto a liberdade de prestación de servizos como o establecemento. Non obstante, desde Turismo de Galicia promoveranse os guías rexistrados no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas de Galicia por estaren habilitados pola propia Administración autonómica galega e, polo tanto, por dispoñeren dos mellores coñecementos sobre Galicia. Xunto co anteriormente sinalado, para garantir a calidade e unha axeitada prestación dos servizos, o novo decreto prevé a organización ou homologación, por parte de Turismo de Galicia, de cursos de formación, é a asistencia a estes será voluntaria.

Cabe lembrar que o decreto non ten carácter retroactivo polo que establece a conservación de todos os dereitos dos guías de turismo habilitados ao abeiro da normativa anterior. Así mesmo, a nova normativa dispón que se habilitará de oficio os guías de turismo especializados de Galicia de ámbito provincial ou autonómico como guías de turismo da Comunidade Autónoma de Galicia. Ademáis, e polo que respecta á competencia para outorgar a habilitación de guía de turismo de Galicia, esta atribúese no presente decreto á Dirección da Axencia Turismo de Galicia. No decreto recóllense, ademais, o modelo de solicitude para a habilitación directa como guía de turismo de Galicia e ampliación de idiomas; o anexo II, que recolle o modelo de solicitude para o recoñecemento de cualificacións profesionais, e o anexo III, onde se recolle a declaración para a prestación ocasional ou temporal de servizos por parte de guías turísticos establecidos noutros Estados membros da Unión Europea ou signatarios do Acordo sobre o Espazo Económico Europeo.

CONSULTA O TEXTO COMPLETO DO DECRETO