O Clúster Turismo de Galicia reuniu a semana pasada a 26 empresas galegas, representantes institucionais e operadores turísticos en dous encontros profesionais organizados en Valencia e Oporto, co obxectivo de fortalecer a proxección do destino Galicia en mercados emisores clave.
Os encontros, celebrados no edificio Ver e Vents de Valencia e no espazo WOW do Porto, serviron como plataforma para achegar a diversidade e calidade do turismo galego a máis de 160 axentes turísticos locais: 67 valencianos e 95 portugueses.
Nos dous workshops participaron 26 entidades turísticas galegas, xunto con representantes de Turismo de Galicia, Galicia Destino Sostible e Turismo de Sanxenxo, que presentaron o destino Galicia como unha proposta diferenciada, sostible e de alto valor engadido.
O presidente do Clúster, Cesáreo Pardal, encabezou as presentacións institucionais nos dous eventos, nos que tamén interviu Carmen Pita, directora de Promoción de Turismo de Galicia, e – na cita valenciana – Miguel Jiménez, presidente de AEVAV. Pola parte do Clúster, tamén se sumaron á delegación Jesús Picallo, vicepresidente do Clúster; Alfonso Martínez, tesoureiro; e Francisco González, expresidente do Clúster.
Os encontros incluíron presentacións do destino Galicia e unha degustación de produtos gastronómicos típicos, da man do xefe de cociña Álvaro Fuentes, de Meloxeira Praia. A experiencia viuse reforzada pola presenza de cinco adegas galegas —Mar de Frades, Paco & Lola, Martín Códax, Terras Gauda e Vionta— que ofreceron os seus viños para maridar os eventos, poñendo en valor o potencial do enoturismo galego.
Ao peche de cada xornada celebrouse un sorteo de experiencias turísticas, achegadas polas entidades galegas participantes, co obxectivo de fomentar o coñecemento directo de Galicia entre os operadores locais.
Con esta acción, o Clúster Turismo de Galicia continúa a reforzar a súa estratexia de promoción e comercialización baseada na sustentabilidade, a calidade e a autenticidade do destino a través de encontros e talleres de traballo entre profesionais do sector.
Empresas participantes
Alda Hotels, Bodega Mar de Frades, Bodega Paco&Lola, Bodegas Martín Códax, Bodegas Terras Gauda, Bodegas Vionta, Circuitos Galicia Viajes, CNTravel, Gran Hotel Los Abetos, Gran Talaso Hotel Sanxenxo, Hotel Attica21 Vigo, Hotel Carlos I Silgar, Hotel Ciudad de Vigo, Hotel Axis Vigo, Hotel Rural Entre Os Ríos, Hotel San Luis, Hotel Villa Covelo, Minor Hotels, Oca Hotels, Pazo Los Escudos Hotel & Spa Resort, Piragüilla Ocio y Aventura, Rutas Meigas, Santiago Your Way, Torres de Moreda, Viajes Interrías, Viandotreks e Zenit Hoteles.