Lugo acolleu a primeira das presentacións provinciais do Clúster Turismo de Galicia

Lugo acolleu a primeira das presentacións provinciais do Clúster Turismo de Galicia

Estas accións, que se desenvolverán en diferentes puntos da xeografía galega, están encamiñadas a achegar o CTG ao sector

A sede da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría de Lugo (APEHL) acolleu a primeira das presentacións oficiais que o Clúster Turismo de Galicia está a realizar a nivel provincial este ano para dar a coñecer máis en profundidade os proxectos e actividades nas que se atopa inmerso. “Con estas presentacións o que queremos é achegar un pouco máis aos profesionais que conforman o sector turístico galego que é (e que non é) o Clúster Turismo de Galicia, que facemos, que proxectos estamos a levar a cabo e cales son as vantaxes fundamentais que ofrece o asociacionismo para este sector”, explicaba o presidente do CTG, Francisco González.

Neste sentido o encontro estivo moi orientado a resolver dúbidas aos profesionais do sector respecto das actividades que desenvolve esta entidade, á vez que se ofrecía información sobre os proxectos que se están pondo en marcha este 2017. Entre eles tivo especial relevancia o de Galicia Destino Familiar, que se presentou aos hostaleiros lucenses co obxectivo de achegarlles esta proposta coa que se pretende crear unha rede de empresas que aposten por este nicho de mercado, con gran potencial en Galicia, como é o do turismo familiar. Tamén houbo espazo para falar das vantaxes dun asociacionismo proactivo e das accións de promoción, formación e innovación nas que se está traballando desde a creación do Clúster orientadas a fortalecer o destino Galicia como unha marca multiexperiencial, forte e competitiva. Finalmente, os representantes do Clúster Turismo de Galicia animaron tamén aos profesionais lucenses a participar no próximo Encontro Anual do Clúster Turismo de Galicia, que se desenvolverá en Ourense o próximo 27 de abril.