Os albergues privados repartiranse 500.000 euros en axudas para melloras e dixitalización

Os representantes da asociación Agalber reuníronse no Pino co vicepresidente da Xunta Alfonso Rueda.

 

O albergue do Pedrouzo, no municipio coruñés do Pino, serviu de escenario en días pasados a unha reunión entre os representantes da Asociación Galega de Albergues Privados (Agalber), entidade adherida ao Clúster Turismo de Galicia, e o vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, para facer balance da situación do sector e dos plans e perspectivas para os próximos meses.

 

Durante o encontro, o representante autonómico agradeceu os sacrificios que o sector dos albergues realizou durante a pandemia, tendo que pechar os seus establecementos ou restrinxir a ocupación máxima, para contribuír á política de promoción de Galicia como destino seguro. Agora aqueles esforzos están a ter recompensa, tal como o demostra a revitalización experimentada polo Camiño de Santiago con motivo da celebración do excepcional Ano Santo bianual 2021-22. Respecto diso, Alfonso Rueda explicou que durante a primeira fin de semana deste mes entregáronse 1.600 compostelas, o que supón case un 60 % máis que as pouco máis de mil concedidas durante todo o mes de abril do ano pasado.

 

Sobre aos plans para o sector, Rueda destacou que a Xunta destinará este ano un total de 500.000 euros en axudas para a modernización e dixitalización dos albergues privados. Tamén lembrou o convenio de colaboración asinado con Agalber para a posta en marcha dunha campaña de promoción deses aloxamentos. Así mesmo, sinalou que as iniciativas de mellora dos distintos itinerarios de peregrinación a Compostela, de mellora de calidade turística e de promoción do Camiño repercutirán de forma positiva tamén nos albergues.