Trala publicación dos datos relativos a chegada de turistas estranxeiros e a ocupación nos establecementos extrahoteleros durante o mes de agosto, o Clúster Turismo de Galicia fai un balance moi positivo da tempada estival, entendida como os meses de xullo e agosto, ao confirmarse o incremento de pernoitas, a estancia media e a ocupación media, o que repercutiu directamente na mellora da rendibilidade do conxunto do sector turístico galego e á progresiva recuperación de prezos anteriores á crise. Unha satisfacción que sitúa ao sector no bo camiño pero co obxectivo de seguir traballando para incrementar marxes de beneficio que permitan asumir unha aposta clara pola a profesionalización, a calidade e a renovación da industria turística galega, imprescindible para conseguir un sector moderno e competitivo.
Segundo os datos recompilados a partir das estatísticas do INE, Galicia sitúase este verán como unha das zonas de España que demostra maior dinamismo no sector turístico durante os meses centrais do verán ao rexistrar algo máis de 1,5 millóns de turistas e superar os 4 millóns de pernoitas, unha cifra nunca antes alcanzada e que supón un incremento de case 5% con respecto aos meses de xullo e agosto do 2016. Un crecemento importante se temos en conta que se produce no período de maior ocupación, con cifras xa excepcionais o ano pasado, o que fai que a marxe de mellora sexa menor. No que vai de ano máis de 3,5 millóns viaxeiros elixiron Galicia para os seus días de descanso, o que supón tamén unha cifra marca e vén demostrar a capacidade de crecemento do noso territorio, que se consolida como o 4º destino favorito dos españois en agosto, aglutinando o 7,7% do total de noites que se produciron en España o mes pasado.
Os turistas, ademais, quedaron máis días de media este verán, subindo a estancia media en torno ao 5% e situándose en algo máis de dúas noite de media. Este incremento permitiu mellorar tamén os niveis de ocupación, que se situaron en torno ao 60% nos meses de xullo e agosto – 65% durante os fins de semana-, o que supón un incremento de 2,7 puntos tras cinco anos consecutivos á alza. No caso dos apartamentos, o grao de ocupación foi máis elevado, alcanzado o 80% mentres que no turismo rural a ocupación rolda o 48% con Pontevedra e A Coruña situadas entre as 15 provincias con maior número de pasas a noite neste tipo de establecementos durante o mes de agosto. Con todo atopámonos lonxe aínda do 77,5% de ocupación de media en España, o que nos deixa unha marxe de mellora, especialmente en territorios fóra dos puntos de maior afluencia turística.
Neste sentido desde o Clúster apúntase a necesidade de redobrar esforzos para incrementar a desestacionalización e mellorar a media de ocupación ao longo do ano, que actualmente se sitúa en torno ao 32%, creando novos produtos turísticos, pondo en valor os existentes e convertendo os nosos recursos en produtos turísticos. Pero, sobre todo, faise imprescindible a análise dos fluxos turísticos e as capacidades de carga dalgúns dos nosos principais puntos turísticos. A pesar de que en Galicia aínda non se alcanzou as cifras de ocupación no período estival de autonomías similares á nosa como Asturias ou Cantabria, si hai destinos que mesmo superan o 77% da media española como Sanxenxo (90,6%) Santiago (87,3%), O Grove (84,4%), A Coruña, Vigo, Lugo ou Ribadeo, que roldan o 80% de ocupación durante o período estival, o que fai imprescindible pór en marcha a creación de novos produtos turísticos que permita diversificar e amplificar estes fluxos.
Mellora da rendibilidade e subida de prezos
Cun prezo medio de habitación por noite de 62,4 euros en xullo e 68,7 euros en agosto, os hoteis galegos atópanse en proceso de recuperación dos prezos precrisis. O incremento de prezos de 5 puntos con respecto ao ano pasado traduciuse nunha mellora da rendibilidade de case 10 puntos e permitiu aos aloxamentos da comunidade aumentar a súa rendibilidade nun 25% desde 2008 ao pasar dos 37,6? que gañaban por habitación en agosto de 2008 aos 46,87 euros do mes pasado.
Así, a facturación media diaria dos hoteis por cada habitación ocupada (ADR) no conxunto destes dous meses foi de 65,5 euros, o que supón un aumento do 6,0% respecto ao mesmo período de 2016, mentres que o ingreso medio diario por habitación dispoñible (RevPAR), que está condicionado pola ocupación rexistrada nos establecementos hoteleiros, alcanzou os 40,75 euros, cun incremento do 6,4%. Estas cifras non sitúan aínda lonxe da media nacional, de ao redor de 100 euros por habitación ocupada e de 78 euros de ingreso medio por cada cuarto e deixan ao sector aínda cunha ampla marxe de mellora de rendibilidade xa que a nosa comunidade segue sendo a cuarta máis económica para aloxarse no verán en España, só superada por Aragón, Castela e León, Castela-A Mancha, Estremadura, A Rioxa e Melilla.
Crecemento do turismo estranxeiro
A recuperación de prezos é, pois, clave para garantir un turismo de calidade, a través da mellora dos servizos e instalacións que atraian novos nichos de mercado e, neste sentido, o sector turístico galego cifra as súas expectativas de crecemento e ocupación ao longo do ano en dous aspectos fundamentais: a especialización en novos segmentos de mercado e o incremento de viaxeiros estranxeiros, especialmente tanxible na contorna do Camiño de Santiago. Nos meses centrais do verán visitaron Galicia máis de 412 mil estranxeiros, o que supón unha subida do 17% respecto ao mesmo período do ano pasado.
Con todo, o turismo nacional e interno seguen tendo un peso maioritario, en torno ao 75%, durante a tempada estival. Un turismo interno e nacional que ha ido recuperando peso e que supón 4,7 millóns de viaxes e máis de 12 millóns de pasas a noite no que vai de ano, un período no que galegos e españois gastaron un media de 57 euros por persoa, tres euros máis que a media nacional.
Xeración de emprego
A tempada estival trouxo consigo tamén un incremento do emprego, fundamentalmente durante o mes de xullo. Desde 2014 o sector turístico galego experimentou unha progresiva recuperación da confianza e do emprego que se perdeu durante os anos da crise, o que se traduciu nun crecemento este ano de 3,5 puntos no número de empregados durante a tempada estival, roldando o 87 mil afiliados na Seguridade Social en xullo e 84 mil no mes de agosto, correspondentes a l conxunto dos servizos de aloxamento, restauración e servizos de axencias de viaxes, operadores turísticos, etc. (CNAE 55. 56 e 79).
Aínda que é certo que a temporalidade é inherente a este tipo de contratos, a subida no número de empregados vinculados ás diferentes ramas do sector foi constante nos últimos anos, alcanzando unha media de 108 mil traballadores, un 60% dos cales teñen un contrato indefinido. O peso que está a alcanzar o sector turístico galego é obvio, como motor económico do país, pero lonxe aínda doutras comunidades autónomas. O peso das actividades turísticas sobre o total das afiliacións á Seguridade Social en Galicia é do 8,6%, moi lonxe do peso que supón noutros territorios, onde supón en torno ao 30 ou 40% do total de empregados.
Traballo conxunto do sector
Desde a súa constitución o Clúster Turismo de Galicia traballou man a man co sector e coas diferentes administracións públicas para xerar sinerxías que permitirán ao sector modernizarse e facerse máis competitivo. A creación de novos produtos turísticos especializados que aposten por pór en valor recursos existentes (Enoturismo Galicia, Galicia Destino Familiar, Galicia Destino Activo…) así como unha aposta decidida pola excelencia, coa consecución de máis dun centenar de novas certificacións Q de Calidade e das 44 primeiras de Galicia Calidade Lecer, avalan unha traxectoria de tres anos na que non se deixou de lado nin a comercialización nin a internacionalización da oferta turística, a través da organización de workshop e misións comerciais ás principais feiras profesionais do sector. A formación, a modernización e a profesionalización do noso sector tamén estivo moi presente nos obxectivos deste Clúster que traballa para a consecución dun turismo galego sustentable e de futuro.
Un sector de futuro no que aínda queda moito traballo por facer para continuar na senda marcada de aposta pola profesionalización e a excelencia para a consecución dun turismo diferenciado, sustentable, rendible, competitivo e con futuro a medio e longo prazo.