Galicia aposta pola promoción turística conxunta coa marca España Verde

  • A semana pasada tivo lugar a comisión de seguimento desta marca turística, da que forman parte Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco, e Turespaña.

 

O encontro da comisión de seguimento da España Verde, a marca turística que reúne ás comunidades autónomas de Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco, ademais de Turespaña, tivo lugar a semana pasada en Bilbao. O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou nesta reunión, que serviu para facer balance do Plan de Actuación deste ano e deseñar o resto das accións comúns que se van desenvolver ata final de ano, sobre todo no ámbito internacional.

 

Esta reunión estratéxica axudou a fortalecer a promoción do ecoturismo e reafirmar o compromiso co desenvolvemento sostible do turismo. Na cita fíxose seguimento do Plan Operativo 2023, así como a situación do proxecto ‘Corredor de Ecoturismo da España Verde’, financiado con fondos europeos, ou a posta en común de novas iniciativas para a modernización das presentacións da España Verde nos mercados internacionais.

 

O ‘Corredor de Ecoturismo da España Verde’ busca converterse no maior corredor de ecoturismo de Europa, unindo experiencias adaptadas a diversos segmentos da demanda a través dunha gran ruta de eco-touring. O itinerario conecta espazos rurais protexidos onde as empresas turísticas locais xeran experiencias tanxibles e para comercializar, promovidas por empresas públicas das catro comunidades autónomas participantes.

 

O turismo das catro comunidades autónomas rexistrou no primeiro semestre de 2023 preto de 5 millóns de viaxeiros, o que supón un incremento de 14,5 puntos de media con respecto ao mesmo período do ano pasado. No encontro o director de Turismo de Galicia enxalzou a importancia da marca España Verde para a promoción e dinamización turística e cultural dos territorios socios, asegurando que Galicia continuará apostando por esta colaboración para seguir obtendo grandes resultados.

 

Entre as accións deseñadas para este 2023, a marca España Verde centrarase fundamentalmente na actualización das ferramentas de promoción e en iniciativas como os catro ‘Fam Trip Online’ temáticos: un sobre os itinerarios do Camiño de Santiago, coma o do Norte ou o Lebaniego; outro sobre Enogastronomía, outro sobre Cidades e patrimonio cultural, e finalmente un cuarto sobre Natureza e ecoturismo.

 

No encontro todos os participantes renovaron o seu compromiso co potencial turístico desta marca, que ofrece máis de 2.000 quilómetros de costa, preto de 1.200 praias, 31 balnearios e 9 talasos, máis de 60 campos de golf, 20 Paradores de Turismo, e máis de trescentas mil prazas de aloxamento. España Verde é líder natural en natureza grazas aos seus parques nacionais, parques naturais e reservas da biosfera, cun millón de hectáreas de espazo protexido.