A Xunta de Galicia destinará en 2026 máis de 125 millóns de euros a consolidar o crecemento sostido do turismo galego e a preparar o próximo Xacobeo 2027, un dos grandes fitos culturais e económicos da década. Así o avanzou o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, durante a súa comparecencia no Parlamento de Galicia, onde detallou as principais liñas de actuación do seu departamento para o próximo exercicio.
Entre as principais prioridades destacan a formación e dixitalización do sector, o reforzo da capacidade alojativa da comunidade e a renovación de infraestruturas turísticas, especialmente nos concellos rurais e nas rutas xacobeas.
No ámbito empresarial, o orzamento inclúe unha liña de axudas de 4 millóns de euros destinada a impulsar novos proxectos aloxativos, especialmente en áreas rurais, co obxectivo de diversificar a oferta e xerar tecido socioeconómico. Tamén se manterán as subvencións dirixidas á eficiencia enerxética e modernización de aloxamentos e restaurantes, cunha dotación de 7 millóns de euros.
O director de Turismo destacou, ademais, o investimento en formación e profesionalización, coa posta en marcha do GastroHub do Centro Superior de Hostalería de Galicia, un novo espazo orientado á formación práctica do sector.
O Camiño de Santiago continuará sendo un dos grandes eixos de investimento para 2026. Turismo de Galicia prevé licitar novos contratos de mantemento e conservación integral das rutas, así como avanzar no Plan de Seguridade Viaria, que permitirá executar obras destinadas a mellorar a seguridade dos peregrinos e evitar tramos de circulación compartida con vehículos.
Así mesmo, poñerase en marcha unha nova liña de axudas para o embelecemento paisaxístico do Camiño, en paralelo cun plan especial de promoción do Xacobeo 2027, dotado con 3 millóns de euros, que dinamizará a programación cultural, deportiva e turística previa ao Ano Santo.