Galicia levará a súa esencia á Expo Universal de Osaka 2025

  • Do 16 ao 21 de setembro, Turismo de Galicia levará á comunidade a Expo de Osaka.

 

Galicia será unha das protagonistas da Exposición Universal de Osaka, un evento que reunirá a países de todo o mundo do 13 de abril ao 13 de outubro de 2025 para abordar desafíos globais e promover a innovación e a sostibilidade.

 

No marco desta cita internacional, a comunidade galega contará coa súa propia semana dentro do Pavillón de España, programada do 16 ao 21 de setembro. Durante eses días, exhibirase o potencial turístico, cultural e gastronómico de Galicia a través de concertos e degustacións gastronómicas que trasladarán ao público xaponés os sabores e sons máis representativos da rexión.

 

A participación na Expo de Osaka, impulsada por Turismo de Galicia, supón unha gran oportunidade para reforzar a presenza de Galicia no mercado xaponés, que mostrou un crecente interese polo destino nos últimos anos. En 2024, máis de 10.800 turistas xaponeses visitaron Galicia, acumulando 16.500 pernoitas, o que representou un incremento do 5% respecto ao ano anterior. Ademais, o Camiño de Santiago segue gañando adeptos en Xapón, con 1.473 compostelas emitidas en 2024, un 8,4% máis que en 2023.

 

Coa súa participación neste evento de alcance mundial, Galicia busca fortalecer o seu posicionamento no turismo internacional e seguir consolidándose como un destino atractivo para viaxeiros en busca de cultura, natureza e autenticidade.