O Observatorio de Sostibilidade Turística de Galicia continúa avanzando no desenvolvemento dun sistema de indicadores que permitirá avaliar o impacto do turismo e orientar a toma de decisións estratéxicas cara a un modelo máis sostible. O grupo de traballo, integrado por máis de vinte entidades (entre administracións públicas, universidades, profesionais e representantes do sector), reuniuse recentemente para definir os factores clave que servirán de base ao futuro diagnóstico do turismo galego. Na cita estivo presente Manuel Veloso, da Secretaría Técnica do Clúster.
O obxectivo é contar cunha ferramenta capaz de monitorizar os fluxos turísticos, analizar a capacidade de carga do territorio e medir a evolución da sostibilidade en distintos ámbitos, desde a xestión dos recursos naturais ata a mobilidade ou a calidade dos servizos. Estes datos permitirán mellorar a planificación, anticipar tendencias e fomentar a innovación na xestión turística.
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou no encontro destacando o valor do Observatorio como “unha ferramenta esencial para deseñar políticas públicas baseadas en datos e avanzar cara a un turismo máis equilibrado, competitivo e respectuoso coa contorna”.
Creado en novembro de 2024, o Observatorio conta cun calendario de traballo ata finais de 2026 e aspira a converterse nun referente na xestión do turismo sostible, impulsando a cooperación entre institucións e o sector privado.
Ademais de medir o desempeño ambiental e social do turismo, o Observatorio busca integrar criterios de turismo intelixente, promovendo a dixitalización, a participación cidadá e a cohesión territorial.