O Clúster Turismo de Galicia, co apoio da Xunta de Galicia-Axencia Turismo de Galicia, puxo en marcha a nova campaña “Galicia, tan de todos”, unha acción promocional que busca reforzar o posicionamento da comunidade coma un destino familiar, sostible e acolledor, así como desestacionalizar a demanda turística. A iniciativa, impulsada baixo o selo “Galicia Destino Familiar” (GDF), desenvolverase ata finais de novembro co obxectivo de mostrar que Galicia “non só se visita, séntese”.
A campaña parte dunha mensaxe emocional que pon en valor a autenticidade de Galicia no outono, unha época na que a comunidade mostra a súa faceta máis íntima e acolledora. A través do concepto “tan de todos”, a acción transmite a idea de que Galicia é un lugar que acolle, comparte e pertence a todos, desde as familias galegas que buscan un respiro da rutina ata quen a descobre por primeira vez.
“Galicia, tan de todos” reivindica o papel de Galicia coma un destino que ofrece experiencias para todo tipo de familias: aquelas que buscan descanso e conexión, e as que prefiren movemento e aventura. Cun enfoque cálido e próximo, a campaña mostra escenas cotiás que evocan recordos e emocións compartidas (plans improvisados en días de choiva, sobremesas eternas ou historias contadas á beira do lume), lembrando que os pequenos momentos son os que fan especial cada escapada.
A iniciativa combina accións de promoción audiovisual, dixital e participativa co fin de xerar visibilidade e fortalecer a comunidade ao redor de “Galicia Destino Familiar”:
Con “Galicia, tan de todos”, o Clúster Turismo de Galicia reafirma o seu compromiso cun modelo turístico responsable, desestacionalizado e orientado ás persoas, poñendo en valor a Galicia máis próxima, emocional e familiar.
Se tes un establecemento ou desenvolves unha actividade de calidade apta para familias, contacta a través da páxina oficial da marca para coñecer os requisitos específicos para formar parte desta rede. Deste xeito, gañarás visibilidade e contarás cun selo e marca de garantía de calidade como establecemento enfocado ás familias.